Deteñen un segundo suposto implicado no ataque a seguidores do Lión en Vigo
Os dous arrestados ata o momento por estes incidentes forman parte do grupo Tropas de Breogán, segundo informa a Policía
Seareiros do Olympique de Lión escoltados pola Policía Nacional conducidos cara ao estadio de Balaídos (Europa Press/Adrián Irago)
A Policía Nacional da Comisaría de Vigo confirmou unha segunda detención relacionada cos altercados rexistrados o pasado mércores pola noite entre seguidores do Celta e do Olympique de Lión.
Segundo fontes policiais, a segunda detención produciuse na mañá deste venres e a previsión é que, cando declare en Comisaría, esta persoa quede en liberdade á espera de ser citado polo xulgado.
De feito, o primeiro detido, arrestado este xoves polos mesmos feitos, xa quedou en liberdade, e tamén deberá comparecer cando sexa requirido polo xulgado.
Segundo informaron fontes da Comisaría de Vigo, os dous detidos son integrantes do grupo Tropas de Breogán e ambos estarían implicados nunha rifa tumultuaria ocorrida na noite do pasado mércores, cando un grupo de encapuchados, armados con paus e tubos, abordou varios seguidores do equipo francés, que estaban nun establecemento hostaleiro da rúa Areal de Vigo.
O ataque, horas antes do partido entre o Celta e o Lión, acabou con varias persoas feridas (polo menos una delas foi trasladada a un centro sanitario), danos materiais e unha vintena de identificados.
Ademais destes feitos, a Policía Nacional tamén investiga a aparición de polo menos unha decena de coches coas rodas picadas, estacionados na zona das Travesas, preto do estadio de Balaídos. Os investigadores constataron que varios dos coches, de matrícula portuguesa, foran alugados precisamente polos seguidores do Lión para desprazarse a Vigo.