Dous coches estámpanse contra senllas casas en Ames e Ponteceso
En Bugallido, Ames, a condutora viaxaba cun bebé e deu positivo no control de alcolemia
Os catro ocupantes do veículo sinistrado en Ponteceso quedaron feridos, dous deles en estado grave
Os propietarios da vivenda situada na aldea de Guimaráns en Ames aínda non dan creto ao susto que viviron onte cando un coche saíu da vía, levou por diante o muro que pecha a sua finca e acabou estampado contra a casa. Da violencia do impacto dan fe os restos do muro esparexidos polo patio da vivenda, á espera de que os peritos avalíen os danos.
Ata o lugar do accidente desprazáronse Protección Civil de Ames, o GES de Brión, efectivos da Policía Local e da Garda Civil. Daniel Recioy, bombeiro do GES de Brión, asegura que non tiveron que intervir porque a condutora saíu polo seu pé.
A condutora era unha muller nova que deu positivo no control de alcolemia. Viaxaba coa sua filla de curta idade no asento traseiro, que foi trasladada por prevención a un centro médico.
O accidente xerou moita expectación porque moi preto celebraban unha festa gastronómica. Algunhas testemuñas aseguran que o coche circulaba a velocidade excesiva e que o sinistro puido ter consecuencias fatais.
Outro accidente similar producíuse no coñecido como cruzamento da Campara en Ponteceso. Un coche bateu contra unha casa e abriu un enorme furado na parede. Por sorte, os propietarios durmían no segundo andar. Os catro mozos que viaxaban no veículo quedaron feridos, dous deles en estado grave.