Publicador de contidos
Publicador de contidos

As chaolas de Cariño: descubrimos unha receita que namora

As chaolas de Cariño: descubrimos unha receita que namora

Fanse nas casas durante todo un mes, desde o san Xiao, en xaneiro, ata o Domingo de Piñata 

Unha fonte de chaolas de Cariño acabadas de facer
G24.gal 14/02/2023 18:29 Última actualización 14/02/2023 19:01

Xinzo ten a gala ter o Entroido máis longo de Galicia. Pero, no norte, Cariño non queda atrás. Aló o Entroido dura un mes enteiro, desde o San Xiao ata o Domingo de Piñata. O tempo que dura tamén o reinado da larpeirada entroideira local: as chaolas.

Lolita San Claudio, presidenta da asociación de amas de casa cariñesa tivo a amabilidade de abrirnos a súa cociña e ensinarnos a preparar a larpeirada que se fai en todas as casas de Cariño polo Entroido.

"As chaolas é unha masa que se fai aquí polo Entroido. A masa leva fariña, ovos, limón relado, anís, leite e auga e manteiga. Eu non fago medidas exactas. Aquí sabe todo o mundo facelas porque xa vai de pais a fillos".

O último sábado de xaneiro Cariño celebra a romaría de San Xiao. Ese día comezan os carnavais cariñeses e, di Lolita, en todas as casas hai chaolas desde aí ata o Domingo de Piñata.

É unha masa similar á do roscón local. Unha tradición que facilitan as panaderías, que a venden xa amasada. O que queira pode levala para estendela e fritila na casa.

A masa necesita levedar e volver descansar antes de estirala e fritila. Queda unha masa elástica que non rompe ao estendela. Sempre á man. Unha vez fritidas, bótaselles un pouco de azucre por riba. Lolita engade un truco caseiro: regalas cun pouco anís en spray.

Este sábado que vén celebran unha festa infantil en que o Concello doa trinta e cinco quilos de masa e as mulleres da asociación fan as chaolas para quen se achegue, cariñés ou non. Co boas que están, Lolita asegura que todo o mundo volve ano tras ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade