So o 3 % do alumnado das autoescolas aposta polo coches automáticos
O carné que obteñen non lles permite conducir coches con cambio manual
As autoescolas piden eliminar esta restrición para modernizar a frota
Cada vez hai máis coches automáticos circulando nas estradas do país. E nas autoescolas non teñen dúbida de que aprender neles é mais sinxelo e barato, porque implica menos prácticas.
"Só teñen que acelerar e frear, xa non teñen o pánico do embrague, de que o vehículo se cale, etc. Fan menos horas de prácticas para aprender" explica Suso Vilariño, director da autoescola Santa Eulalia.
Entón, por que a inmensa maioría do alumnado prefire seguir sacando o carné cun coche de transmisión manual?
"Porque se ti consegues o permiso de cambio manual o día de mañá podes conducir calquera tipo de vehículo, sexa manual ou automático. Pero non sucede o mesmo co permiso específico do coche automático, restrinxido só a automáticos. Se un día queren conducir con marchas teñen que superar unha proba adicional".
Esta restrición dificulta a renovación das frotas nas autoescolas, e desincentívaos a mercar coches eléctricos. Por iso piden que cambie a normativa o antes posible. Do contrario, din, o número de permisos automáticos seguirá sendo residual e restrinxido a un perfil moi concreto.
"Adoitan ser persoas maiores ou estranxeiros que queren homologar o carné e no seu país conducían cun automático. Pero son minoría. Nós temos 25 coches de cambio manual na autoescola e só 1 é de cambio automático".
E que ocorre cando o coche das prácticas incorpora os novos sistemas obrigatorios de asistencia ao condutor? Pode, por exemplo, o alumno examinarse coa axuda de cámaras para aparcar? A resposta é si, porque estas axudas que incorporan os coches máis modernos están pensadas para evitar accidentes. E isto quere dicir que estes condutores saen menos preparados á estrada? Nesta autoescola opinan que non.
"O feito de ter luces automáticas, sensores de choiva ou cámara para aparcar non significa que nos lle ensinemos ao alumnado esas destrezas de maneira convencional".
Asistentes na condución, cambios automáticos, coches eléctricos... novos retos para as autoescolas, que non queren freos na súa transición cara a unha mobilidade máis segura e sostible.