Asaltos a coches estacionados no barrio ourensán da Ponte
Esta mañá apareceron polo menos tres novos coches máis cos cristais das ventás escachados
Na crónica case diaria de asaltos no barrio ourensán da Ponte, hoxe tocoulles aos vehículos estacionados. Esta mañá apareceron a primeira hora tres coches cos cristais das ventás escachados. A veciñanza cre que se trata de pequenos roubos para o consumo de estupefacientes e insiste en pedir máis vixilancia.
Un día máis o barrio da Ponte esperta sobresaltado con polo menos tres novos coches cos cristais escachados. Alertados pola veciñanza, axentes da Policía Nacional achéganse a esta zona de aparcadoidos para intentar localizar o propietario do coche.
Dende hai semanas os asaltos a vehículos neste barrio ourensán son continuos. O método é o mesmo: collen unha tapa dun sumidoiro e esnaquizan o cristal dunha ventá para poder acceder ao coche e remexer todo para buscar algo de valor que roubar.
Dende o verán a Policía Nacional xa estableceu un dispositivo especial de vixilancia nos barrios da Ponte, o Vinteún e Covadonga polo incremento dos roubos.
A autoridade recoñece unha chea de denuncias por asaltos a coches e busca quen anda detrás, pero quere mandar unha mensaxe de tranquilidade porque, di: "Ourense é unha cidade segura cunha taxa de delincuencia e criminalidade moi baixa".