O bo estado das rodas é imprescindible para encarar o inverno con máis seguridade
Tamén convén revisar os freos, o líquido anticonxelante, os limpaparabrisas, as luces e a batería
Estamos en tempo de revisar os nosos coches para encarar a temporada de inverno con maior seguridade ao volante. O bo estado dos pneumáticos é unha das condicións imprescindibles.
"Cando a estrada está seca o coche agarra moito máis que cando está mollada. E sobre todo tamén é moi importante cando cae esa pequena chuvia no asfalto ter os pneumáticos en bo estado", subliña Mateo Andrade, xerente de Ansucar Motor.
Unha boa posta a punto pasa igualmente por revisar o sistema de freos.
"Que estean en bo estado tanto pastillas coma discos e que funcione o ABS e mailo ESP. Podes ir por unha zona seca e encontrarte de repente cunha zona mollada e o ABS é fundamental para evitar a trabada dos pneumáticos", precisa o mecánico.
Débense comprobar tamén o líquido anticonxelante, os limpaparabrisas e a iluminación. No inverno circulamos máis tempo de noite e con peores condicións de visibilidade.
"A batería tamén é moi importante porque as temperaturas aféctanlle bastante e no inverno pódenos deixar tirados. Hai que verificar o estado da batería e a amperaxe", engade Mateo Andrade.
Pola súa experiencia, neste taller cren que a maioría dos condutores galegos son precavidos.
"Polo menos na miña contorna si que veñen e fan unha revisión no inverno sempre", afirma o xerente.