Dispáranse as reservas para as ceas de Nadal, tanto de empresa como de amigos
Algúns restaurantes abrirán por vez primeira os días 24, 25 e 31 debido á gran demanda
A quince días para a Noiteboa, os restaurantes de Lugo están a recibir unha avalancha de reservas para as ceas de empresa ou de amigos. Segundo os hostaleiros, este tipo de peticións disparáronse e ademais anticipáronse como nunca antes.
José Antonio Núñez, hostaleiro: "A xente saíu este ano moito máis á rúa, e agora estase vendo unha repunta de comidas de Nadal. Quizais nunca houbo tantas coma este ano. De calquera colectivo, dende ximnasios ata empresas".
Dámaso Expósito, hostaleiro: "Familias, amigos, empresas... Xúntase todo nun mes con moita actividade, polo que apenas hai datas. As fins de semana son as que son e todo o mundo quere cear o día 10, o 16 ou o 17 e hai moita ocupación".
Armando Méndez, hostaleiro: "Este ano as reservas de grupos, familias e empresas está sendo todo un éxito. Hai datas deste mes que xa temos completas, moitos venres e sábados".
Pero non só se dispararon as reservas, senón tamén os prezos. Para este tipo de ceas, os restaurantes barallan por cada comensal presupostos de entre 30 e 60 euros, mentres que para a Noiteboa ou Fin de Ano poden acadar os 150 euros por persoa.
Dámaso Expósito, hostaleiro: "Os de empresas ou amigos son menús de entre 40 e 60 euros, onde se toca algo de marisco, peixe ou carne. E en Fin de Ano, que é unha cea de gala con cóctel de benvida e produtos de primeira gama, os prezos están altísimos".
Por outra parte, o aumento da demanda para as ceas familiares fixo que algúns restaurantes se animen a abrir os comedores, por vez primeira, en datas sinaladas como o 24, o 25 ou o 31, en lugar de ofrecer comida para levar.