Dez comunidades españolas están en alerta por vento, chuvia ou neve en cotas baixas
A AEMET pon en aviso vermello Castelló este sábado por vento furacanado
A Junta de Andalucía mandou avisos de ES-Alert a 22 municipios por chuvia
Na zona norte da Península a alerta é por neve en zonas baixas
En Cataluña seguen reparando, ou cando menos apuntalando o máis axiña posible, as mil e unha incidencias que provocou o vento, porque nas próximas terán que afrontar os refachos que trae Oriana, a novena borrasca intensa do ano.
Todo o sur e o leste peninsular están en aviso laranxa por isto, e en Castelló a Aemet sóbeo a vermello. Os estragos dos refachos furacanados de máis de cen quilómetros por hora son visibles aínda en moitos puntos da comunidade catalá.
A muller ferida polo desprendemento do teito dunha nave nun polígono industrial acabou falecendo esta noite no hospital, e outras sete persoas seguen ingresadas, dúas delas moi graves.
Amais das alertas por vento, Oriana pon de novo en risco por chuvias as zonas máis afectadas do centro e do sur da Península. A UME tivo que rescatar esta noite un matrimonio atrapado polo desbordamento dun regato en Cidade Real e a Junta de Andalucía enviou mensaxes Es-Alert a 22 municipios de Cádiz, Málaga e Sevilla.
As zonas máis afectadas de Andalucía volven estar en alerta pola chuvia
Máis de 3.000 persoas seguen desaloxadas na comunidade andaluza, entre elas todos os veciños de Grazalema, que segue sendo un lugar fantasma. Medio cento de estradas seguen cortadas e a DXT lanzou un aviso este venres para que se extremen as precaucións tamén para circular nas dez comunidades con avisos de vento, chuvia ou neve. Ademais haberá que andar con coidado polas zonas costeiras, porque a maior parte do litoral peninsular estará entre hoxe e mañá en aviso laranxa.