Detido en Vigo un mozo cun quilo de droga en bolsas coa cara de Ronaldinho
Prendéronno tras unha persecución a pé
Comisáronlle cocaína e haxix
Policía Nacional
Axentes da Policía Nacional detiveron en Vigo un mozo ao que lle comisaron case un quilo de droga, entre cocaína e haxix, tras perseguilo á carreira a pé cando tratou de fuxir.
O mozo, que saía do portal dun edificio do centro de Vigo cargado con dúas bolsas, escapou ao decatarse dun patrulla de axentes nas inmediacións, segundo informa este martes a Policía. Ao constatar que o individuo aceleraba o paso, os axentes reclamáronlle a súa identificación, momento en que emprendeu a fuxida á carreira.
Durante a persecución a pé, na que participaron tamén axentes doutra patrulla da Policía Nacional e efectivos da Policía Local, o mozo guindou unha das bolsas a unhas escaleiras e ocultou a outra baixo un vehículo estacionado. Ambas bolsas foron recuperadas polos axentes e comprobaron que algúns envoltorios de droga levaban impresa a cara do exfutbolista brasileiro Ronaldinho.
A despregadura policial permitiu interceptar o fuxitivo nas inmediacións de Beiramar, onde foi detido por posesión de drogas e posto á disposición do Xulgado de garda de Vigo. Os axentes procederon posteriormente a identificar e pesar as substancias intervidas e contabilizaron 247 gramos de cocaína en doce envoltorios e 665 gramos de haxix.