Detido en Lugo por estafa continuada, usurpación, falsificación e acoso dixital
Presuntamente, suplantaba identidades doutras vítimas para vender en liña rozadoiras que nunca recibían os compradores
A compravenda en liña de rozadoiras que nunca chegaban a mans dos seus compradores era o negocio ilícito dun presunto estafador en Lugo, un negocio ao que lle vén de poñer fin a policía.
Para as xestións, supostamente suplantaba a identidade doutras persoas coas que tivera relación mercantil previa. Deste xeito, as vítimas da suplantación eran acosadas polas vítimas da estafa, atribuíndolles erroneamente a autoría dos feitos.
"Hai poucas detencións, estatisticamente, por este tipo de delitos. Hai prexudicados que el suplantou para as transaccións e outros prexudicados diferentes que acosaban outras persoas pensando que se trataba do verdadeiro autor dos feitos", explica Lucía González, voceira da Comisaría de Lugo.
A raíz das denuncias de ata catro vítimas, o presunto estafador foi localizado nun lugar de difícil acceso da provincia de Lugo, onde se ocultaba das autoridades.
Cando o prenderon, os axentes incautáronse de 53 documentos de identidade de múltiples persoas. Para evitar caer neste tipo de estafa, a policía recomenda tomar unha serie de precaucións, comezando pola procura de información sobre quen vende a mercadoría.
"Ollo cando nos metamos nas redes sociais e vexamos un perfil de recente creación e con poucos seguidores. Tamén cómpre meterse nos buscadores de internet coa fotografía e co nome desa persoa por se foi denunciado nalgún foro. Tamén intentar pagar mediante 'Bizum', e en vez de facer as transferencias inmediatas, realizalas ordinarias, posto que son máis seguras", sinala a voceira policial.
Unha vez posto a disposición da xustiza, o suposto autor dos feitos foi imputado polos delitos de estafa continuada, acoso dixital, falsificación e suplantación de identidade.