Deteñen dúas mulleres na Coruña por estafar case 3.000 euros a outra muller á que drogaron
Segundo a Garda Civil, unha das investigadas ofreceulle á vítima unha substancia que a deixou semiinconsciente, o que aproveitaron para estafala
A Garda Civil detivo dúas veciñas da Coruña como presuntas autoras dun delito de estafa por un importe de case 3.000 euros.
Segundo informan nun comunicado, a detención produciuse logo da denuncia interposta en maio pola vítima no cuartel da Garda Civil en Boiro. Nela comunicaba que, tras unha noite de lecer na cidade herculina, contactou cunha moza a través dun anuncio en Internet, acordando reunirse nun hostal da capital coruñesa.
Unha vez no lugar a muller ofreceulle unha substancia á vítima que, aos poucos minutos de inxerila, empezou a sentir como lle alteraba a consciencia. Transcorridas unhas horas, presentouse no cuarto outra muller avisada pola moza coa que estaba e, aproveitando o estado de semiinconsciencia da vítima, apoderáronse do seu teléfono móbil, desde onde accederon á aplicación da súa banca electrónica e realizaron diversas operacións por un importe total de 2.910 euros.
Tras a denuncia, o Equipo Milladoiro de asesoramento, prevención e resposta en materia de Ciberdelincuencia da Garda Civil iniciou unha investigación para constatar a veracidade dos feitos e identificar as presuntas autoras.
Unha vez confirmada a identidade, a Garda Civil procedeu á detención das dúas mulleres.