Detidas cinco persoas por unha vaga de roubos en furgonetas en Galicia
A valoración dos obxectos recuperados supera os 70.000 euros
Están acusados de cometer, polo menos, 23 roubos con forza
Aínda hai material sen identificar, o que podería indicar que realizaron subtraccións polas que non consta denuncia
A Garda Civil desartella un grupo criminal itinerante, composto por cinco persoas procedentes de Madrid, que se desprazou a Galicia para cometer unha onda de roubos no interior de vehículos comerciais do sector servizos.
A operación, denominada Rentrap, rematou coa detención dos implicados e o esclarecemento de polo menos 23 roubos con forza nos municipios de Santiago de Compostela, Ames, Negreira, Brión, Vedra, Rois, Oroso, Caldas de Reis e Pontecesures, segundo informa o Instituto Armado.
O día 22 de maio os axentes interceptaban catro homes e unha muller que tentaban fuxir de Galicia en dous vehículos pola A-52 en dirección Benavente. Os detidos están acusados de ser autores dunha serie de roubos que viñan producindo desde o 18 de maio nas provincias da Coruña e Pontevedra.
A intensa actividade delituosa do grupo, que cometeu máis dunha vintena de roubos en apenas catro días, motivou a rápida resposta policial.
A investigación iniciouse ante o notable incremento de roubos con forza en furgonetas estacionadas na vía pública. Sospeitábase desde o principio que se trataba dun grupo itinerante e organizado, que operaba de maneira rápida e coordinada.
O grupo seleccionaba vehículos comerciais, predominantemente furgonetas brancas e rotuladas de empresas de construción, fontanería, electricidade ou calefacción, asumindo que conterían ferramentas profesionais de alto valor. O acceso realizábase fracturando unha das xanelas ou forzando o mecanismo dalgunha das portas.
Descubriuse que os detidos chegaran a Galicia a través da provincia de Ourense o día anterior ao primeiro roubo, utilizando unha vivenda de uso turístico na localidade de Dodro como "base de operacións" temporal e desprazábanse en dous vehículos.

Nunha das furgonetas acháronse numerosos efectos e ferramentas procedentes dos roubos, cuxa valoración supera os 70.000 euros.
Os obxectos foron trasladados ao Acuartelamento do Milladoiro para ser recoñecidos polos seus lexítimos propietarios, pero aínda permanece material sen identificar, “o que fai sospeitar que o grupo podería ser responsable de máis delitos aínda non denunciados”.
Un dos detidos tamén foi imputado por dous delitos contra a seguridade viaria por conducir sen permiso de conducir. Outro dos implicados está acusado dun delito de usurpación de estado civil, ao identificarse cos datos e o DNI do seu irmán para evadir a acción da xustiza, pois tiña tres requisitorias xudiciais pendentes, dúas delas de ingreso en prisión.