Deteñen un home por violar e reter a súa parella nun zulo nunha vila de Madrid
A vítima fora atada con bridas e presentaba feridas e marcas en diferentes partes do seu corpo
Os forenses que examinaron a muller comprobaron que sufrira un aborto, que podía ser consecuencia dos golpes recibidos

Axentes da Garda Civil detiveron un home de 50 anos acusado de agredir sexualmente e reter a súa parella con bridas nun zulo dunha propiedade situada no concello de Villalbilla, na comunidade de Madrid, segundo informou a Comandancia da Garda Civil nun comunicado.
A detención produciuse por delitos de agresión sexual, detención ilegal, lesións, malos tratos físicos, psicolóxicos e contra a integridade moral, dentro do ámbito da violencia de xénero. Tras ser posto á disposición do Xulgado de Instrución número 3 de Alcalá de Henares, o xuíz ordenou o seu ingreso en prisión.
A investigación iniciouse o pasado venres por mor dunha denuncia no cuartel da Garda Civil en Villalbilla. A muller manifestou que fora retida con bridas, e que fora agredida sexual e fisicamente polo seu compañeiro sentimental. A vítima presentaba feridas e marcas en diferentes partes do seu corpo.
Ante a gravidade dos feitos, especialistas en Policía Xudicial acudiron ao hospital onde estaba a muller e corroboraron a súa versión. Os axentes descubriron ademais que, días antes, a vítima sufrira un aborto, que segundo o médico forense podía ser consecuencia da malleira recibida.
Dado o alto grao de violencia empregado polo presunto autor, o mesmo venres os gardas civís solicitaron ao xulgado competente a entrada na propiedade onde sucederan os feitos, á que acudiron esa mesma tarde.
No rexistro localizouse, no chan dun dos cuartos, un acceso a un pequeno habitáculo soterrado con escaleiras que coincide coa descrición facilitada pola vítima. Os axentes atoparon numerosas bridas, armas brancas e unha escopeta de aire comprimido. Era unha contorna totalmente insalubre, con moita sucidade acumulada e chea de lixo.
O home, de 50 anos, contaba con numerosos antecedentes e foi detido pola Garda Civil. Tras ser posto á disposición do Xulgado de Instrución número 3 de Alcalá de Henares, a autoridade xudicial decretou o ingreso en prisión.