Detectan varios casos de sarna norueguesa no servizo de axuda no fogar en Vila de Cruces
O gromo obrigou a suspender temporalmente o SAF, que este martes volveu funcionar pero aplicando un estrito protocolo, segundo informou o Concello
O alcalde pide á veciñanza que, ante calqueira dúbida ou sospeita, se poña en contacto co seu centro de saúde e "siga rigorosamente as indicacións das autoridades sanitarias"
Europa Press
O Concello de Vila de Cruces informou nun comunicado que onte luns, 4 de maio, se tivo coñecemento de varios casos de sarna norueguesa no servizo de axuda no fogar (SAF) municipal.
A administración local notificou a situación ao Sergas e á espera de indicacións decidiu suspender de xeito temporal e preventivo este servizo municipal.
O Concello explica que tras manter comunicación co Servizo de Alertas Epidemiolóxicas de Pontevedra "e seguindo as súas recomendacións procedeuse á reactivación do SAF aplicando estritamente as medidas recollidas no Protocolo de Actuación ante a Sarna Humana".
No comunicado, asinado polo alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada, engádese que o Concello trasladou ás autoridades sanitarias toda a información dispoñible para facilitar a valoración da situación e a adopción de medidas de seguimento e control que correspondan.
O rexedor pide á veciñanza que, ante calqueira dúbida ou sospeita, se poña en contacto co seu centro de saúde e "siga rigorosamente as indicacións das autoridades sanitarias".