Detectado un novo foco de gripe aviaria en aves silvestres na Coruña, o décimo este ano en Galicia
Non se rexistrou ningún en aves de curral en Galicia", inciden desde a Xunta
A Xunta detectou un novo foco de gripe aviaria en aves silvestres na Coruña. Corresponde a un exemplar de gaivota patiamarela, recollida no municipio coruñés e trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, en Oleiros.
En concreto, a Consellería do Medio Rural comunicou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección dun exemplar de ave silvestre afectado por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), resultado confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid).
Trátase dunha gaivota patiamarela atopada no municipio da Coruña, e que, tras a análise correspondente, eliminouse o cadáver conforme á normativa en vigor.
Este é o décimo caso en aves silvestres confirmado na comunidade autónoma neste ano 2025, "pero fai falta lembrar que, por agora, non se rexistrou ningún en aves de curral en Galicia", inciden desde a Xunta.
Actualmente en Galicia hai medidas de prevención adoptadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, en coordinación coas comunidades autónomas, ante o incremento da influencia aviaria noutras zonas de España e como reforzo, por tanto, para protexer as explotacións avícolas galegas.
Estas normas entraron en vigor onte, 10 de novembro, nos territorios denominados Zonas de Especial Risco (ZER) e Zonas de Especial Vixilancia (ZEV) de Galicia, definidas na Orde publicada polo Ministerio, pola que se establecen medidas específicas de protección en relación coa influenza aviaria.