OPINIÓN
De básico a 'premium', por María Bastida
En economía, os prezos son como un semáforo: cando se poñen en vermello, é por algo. E o que está a pasar cos ovos é un exemplo perfecto de como funciona o mercado cando se acumulan os problemas. Un alimento básico, case de diario, convertido en pequeno luxo: subidas do 50 % en seis meses e máis do 100 % desde 2021.
Non é que as galiñas se puxeran de acordo; é que o sistema está tensionado por todas partes. Por unha banda, temos unha demanda disparada. A xente come máis ovo porque é versátil, saudable e, comparado con outras proteínas, segue sendo relativamente alcanzable. Iso lévanos a unha demanda practicamente inelástica: seguimos comprándoo aínda que suba o seu prezo. Doutra banda, a oferta encolleuse. A gripe aviaria obrigou a sacrificar millóns de aves, e ademais o sector está en plena reconversión cara a modelos de produción máis respectuosos co benestar animal. Iso significa menos galiñas por granxa, máis investimento e máis custos. Se seguimos comprando o mesmo e hai menos oferta, o prezo sobe… e sobe rápido.
E logo está o comportamento das cadeas de distribución, cos seus movementos en cadea. Especulación? Non necesariamente, pero si un mercado homoxéneo, moi concentrado e extremadamente sensible a calquera sinal de escaseza. A isto súmase un factor do que se fala pouco e que é clave: as expectativas. Os mercados non funcionan só co que pasa hoxe, senón co que cren que pasará mañá. Se os produtores anticipan máis sacrificios, soben prezos para cubrirse. Se as cadeas anticipan tensión, axustan antes de que falte produto. E se os consumidores escoitan que vai encarecer, compran máis para ter reserva, co que aceleran aínda máis a subida. A clásica profecía que se cumpre soa.
O resumo é sinxelo: menos oferta e máis demanda equivale a prezos á alza. Non hai fórmula máxica para revertelo nunha fin de semana: a gripe aviaria non se resolve cun decreto e modernizar o sector leva tempo e diñeiro. O que si se pode facer é vixiar que ninguén aproveite a situación para inflar marxes e aliviar temporalmente a carga fiscal sobre un alimento que está en practicamente todos os fogares. Porque o ovo non é caviar: un céntimo de subida no caviar e ninguén o nota; un céntimo no ovo… e nótao todo o mundo.