Publicador de contidos

Publicador de contidos

As medidas preventivas polo aumento da gripe aviaria entran en vigor este luns

As medidas preventivas polo aumento da gripe aviaria entran en vigor este luns

Queda prohibida a cría de aves de curral ao aire libre en corenta concellos galegos, salvo en circunstancias excepcionais

Tampouco poden estar presentes en marcados, feiras, exhibicións, certames ou celebracións de calquera tipo

O número de casos detectados nas últimas semanas medrou tanto en España coma nos países da contorna

G24.gal 09/11/2025 12:30 Última actualización 09/11/2025 13:57

As medidas de prevención adoptadas en corenta concellos galegos para protexer as explotacións avícolas ante o incremento da gripe aviaria entran en vigor este luns, 10 de novembro.

A partir desa data, aplicaranse nas denominadas zonas de especial risco (ZER) e zonas de especial vixilancia (ZEV) de Galicia, definidas na Orde APA/2442/2206, do 27 de xullo, publicada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Segundo informa a Xunta, nestes territorios queda prohibida a cría de aves de curral ao aire libre. Só estará permitida en determinadas circunstancias, cando existan garantías da ausencia de contacto, directo ou indirecto a través da auga ou do alimento, destes animais con aves silvestres.

Tamén se prohibe a cría de patos e gansos e o emprego de aves anseriformes e caradriformes como reclamo nas actividades cinexéticas.

Do mesmo xeito, non se lles pode dar auga procedente de depósitos aos que poidan acceder aves silvestres, excepto no caso de que sexa tratada con métodos que garantan a inactivación do virus da gripe aviaria.

Ademais, os depósitos situados no exterior requiridos por motivos de benestar animal para determinadas aves de curral, deben estar protexidos suficientemente contra as aves silvestres.

Presenza nas feiras e mercados

Por último, queda prohibida a presenza de aves de curral ou outro tipo de aves cativas nos centros de concentración de animais como os mercados e certames gandeiros, mostras, exhibicións ou celebracións culturais.

Como excepción, a autoridade competente poderá autorizar determinadas concentracións de aves tras unha avaliación individual de risco.

Aumento de casos

As novas normas adóptanse tras a análise semanal dos riscos epidemiolóxicos de presenza desta enfermidade a nivel nacional, que poñían de manifesto un aumento do número de casos detectados nas últimas semanas, algo que tamén afecta os países da contorna.

Na actual campaña de vixilancia da gripe aviaria na Unión Europea (ademais de Noruega e o Reino Unido) confirmáronse un número elevado de focos de alta patoxenicidade (IAAP) respecto a anos precedentes.

Desde o 1 de xullo e ata o 5 de novembro detectáronse na UE un total de 139 focos en aves de curral, 708 en aves silvestres e 33 en aves cativas. En España, 14 en aves de curral, 68 en silvestres e 5 en cativas.

En Galicia, neste mesmo período notificáronse un total de nove focos, todos en aves silvestres.

Mapa da situación actual da gripe aviaria en España. SEO/BIRDLIFE Mapa da situación actual da gripe aviaria en España. SEO/BIRDLIFE

A Xunta informa ademais de que a diminución previsible das temperaturas nas vindeiras semanas e as migracións anuais de aves procedentes de Europa e de Asia, que pasan por España na súa ruta cara a África, son factores que elevan moito o risco.

Dada a relevancia do sector avícola en Galicia, a consellería do Medio Rural insiste na importancia de reforzar as medidas de bioseguridade das explotacións, industriais e familiares.

Avisar de inmediato

O Goberno autonómico lembra a necesidade de comunicarlles de inmediato aos servizos veterinarios oficiais calquera sospeita da enfermidade. No caso das aves silvestres, pode facerse a través do teléfono de atención á cidadanía 012.

A consellería lembra que o serotipo vírico detectado (H5N1) demostrou un escaso carácter zoonótico (enfermidades infecciosas que se transmiten de animais a humanos).

Así e todo, por un principio básico de bioseguridade recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e comunicar o feito aos servizos veterinarios oficiais do Medio Rural ou de Medio Ambiente e Cambio Climático.

Foto: Goberno de Asturias Foto: Goberno de Asturias

Zonas de especial risco en Galicia

Os concellos galegos incluídos nas zonas de especial risco son: Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Sanxenxo, Vilanova de Arousa, Xove, Ordes, Cerceda e Tordoia.

Zonas de especial vixilancia en Galicia

Os municipios galegos considerados zonas de especial vixilancia son: Cariño, Dumbría, Mazaricos, Ortigueira, Porto do Son, Rianxo, Ribeira, Vimianzo e Zas na provincia da Coruña; Ribadeo e Trabada, na de Lugo: Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Vilar de Santos e Xinzo de Limia, na de Ourense; e A Guarda, Marín, Meis, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela, O Rosal, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa, na de Pontevedra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade