Publicador de contidos

Publicador de contidos

As granxas e os criadores reforzan a seguridade para frear a gripe aviaria

As granxas e os criadores reforzan a seguridade para frear a gripe aviaria

As explotacións están obrigadas a manter galiñas e polos illados do exterior

As aves silvestres son a principal vía de transmisión das enfermidades

G24.gal 07/11/2025 15:49 Última actualización 07/11/2025 16:19

A máis aves, máis seguridade. As empresas do sector avícola reforzan a precaución ante a extensión da gripe aviaria. A maioría, sexan instalacións medianas ou grandes explotacións, xa contan con medidas de protección ante esta ou outras enfermidades. Os negocios son os primeiros interesados en que non haxa problemas.

A idea básica é que as aves vivan nunha burbulla, o máis illadas posible, aínda que as vexamos en grupos ou aparentemente libres nunha leira. O importante é evitar o contacto con posibles parasitos e, para iso, o fundamental é reducir a conexión con animais silvestres, dende ratos a outro tipo de aves. 

"O gran problema é que as aves migratorias, cando veñen, traen consigo cousas", explica Javier Veiga, un dos produtores asociados a Avimós, a asociación que agrupa os criadores da galiña de Mos, a única raza autóctona recoñecida oficialmente en Galicia. "Por iso aquí colocamos unha rede para evitar a entrada doutras aves. E evitando o contacto coa alimentación e coa bebida, xa cumprirías tamén coa norma".

As precaucións supoñen, por tanto, illar tamén as zonas de alimentación e de bebida, fontes frecuentes da transmisión de enfermidades. Estas medidas, hoxe, protexen as galiñas contra a gripe aviaria pero tamén están pensadas para outras doenzas habituais, e incluso máis perigosas, como pode ser a salmonelose.

E do mesmo xeito que as granxas, tamén o teñen que facer os criadores a pequena escala. Carmen ten cinco pitas na súa casa de Sandiás, ata agora saían un momentiño á horta, pero soubo, vendo a TVG, que van ter que estar sempre dentro do galiñeiro.

"Agora xa non lles abro, porque son cinco e chégalles o sitio no galiñeiro", di Carmen.

En Galicia, polo momento, só se detectou gripe aviar en aves silvestres. Para evitar que as domésticas se contaxien, só poderán estar fóra sempre e cando non teñan contacto ningún.

"Unha malla metálica que impida que non haxa contacto coas especies silvestres, e é moi importante que os bebedoiros non estean accesibles ás aves salvaxes", di Juan José Gómez, presidente do Colexio de Veterinarios.

Precisamente na Limia moitos galiñeiros xa están preparados cunha zona exterior totalmente protexida.

"Teñen unha tela metálica, moi miudiña, e así xa non me entra ningún paxaro comer aí, despois para durmir xa van para dentro", explica unha criadora. "De momento as pitiñas están sempre pechadas", di outra.

As pitas terán que estar confinadas en 40 concellos galegos en total; ademais de na Limia, outras comarcas coma O Salnés, O Baixo Miño ou Ortegal están afectadas por esta medida preventiva que entra en vigor o 10 de novembro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade