A Xunta advirte o Concello de Vigo do perigo de quedar sen auga por unha avaría na presa de Eiras
Urxe a adoptar medidas ante as deficiencias que presentan dúas das catro válvulas da presa de Eiras que regulan o fluxo cara á estación potabilizadora
Ánxeles Vázquez remítelle unha carta ao alcalde vigués para manter "o máis axiña posible" unha reunión de coordinación para garantir o abastecemento de auga a Vigo e a comarca
O abastecemento de auga para 400.000 veciños de Vigo e a súa contorna corre perigo. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, remitiu este martes unha carta ao alcalde de Vigo, Abel Caballero, en que o urxe a adoptar medidas ante as deficiencias que presentan dúas das catro válvulas da presa de Eiras que regulan o fluxo cara á estación potabilizadora (ETAP).
Segundo sinala na misiva, os técnicos comprobaron que esas válvulas "presentan graves danos" e que foron instaladas hai case 50 anos (en 1977), "polo que presentan unha deterioración estrutural xeneralizada que esixe a súa reparación". O Concello de Vigo reservou para si, en exclusiva, a operación destas válvulas, matizaron fontes da consellería.
"Non lle oculto que nos sorprende enormemente que, a pesar de manipularse estes dispositivos de modo habitual por parte do Concello de Vigo, nunca se notificase a existencia destas graves incidencias, que poderían comprometer o servizo que se dispensa á cidadanía de Vigo e a súa área metropolitana", apuntou Ánxeles Vázquez.
Segundo trasladou a titular de Medio Ambiente, a Xunta non puido detectar eses problemas ata o de agora "polos obstáculos sistemáticos" do Goberno local de Vigo. Nese sentido, lembrou que, a pesar de que o Concello entregou as chaves da presa en 2023, "tras varias resolucións xudiciais na súa contra", os técnicos da Xunta atopan "dificultades de acceso" que impiden o seu traballo.
De feito, non foi ata este ano 2025 cando, por primeira vez, puideron realizar inspeccións integrais da infraestrutura, "incluíndo a zona onde se atopan as válvulas".
"Nunha primeira inspección, detectouse a rotura dunha das válvulas, que presentaba ademais un avanzado estado de oxidación. En consecuencia, Augas de Galicia extremou o seguimento e revisión destes elementos e, nunha nova inspección, constatouse unha fuga ocasionada pola deterioración estrutural dunha segunda válvula", expón a conselleira na súa carta.
Ánxeles Vázquez trasladou a "preocupación máxima" da Xunta que, engadiu, "debería ser compartida polo Concello", e lembrou que o propio Abel Caballero mostrou este verán e principio de outono a súa inquietude pola seca.
"Esa lexítima preocupación contrasta de modo moi rechamante co deficiente mantemento dunha infraestrutura fundamental, como é a presa de Eiras, así como pola completa ausencia de comunicación destas incidencias por parte do Concello", expón a conselleira.
Finalmente, por todo o anterior, Ánxeles Vázquez solicitou ao rexedor olívico manter "o máis axiña posible" unha reunión de coordinación para garantir o abastecemento de auga a Vigo e a comarca.