Augas de Galicia multa con 300.000 euros ao Concello de Santiago por contaminación no Sar
A alcaldesa, Goretti Sanmartín, ve "interese por sancionar" o ente municipal
A conselleira Ángeles Vázquez di que "non hai ideoloxía"
Río Sar
Augas de Galicia sanciona o Concello de Santiago con 300.000 euros tras un expediente aberto por unha medición no río Sar, que derivou nunha denuncia deste organismo, dependente da Consellería de Medio Ambiente.
A alcaldesa de Santiago amosou este venres a súa estrañeza por esa multa,"xa que a vella depuradora non trataba convenientemente a auga, algo que xa sabiamos; pero menos podía tratar despois de que unha parte xa estaba desmontada para cumprir co plan da obra nova".
Goretti Sanmartín anunciou que o Concello de Santiago presentará alegacións á resolución de Augas de Galicia e que os servizos técnicos municipais xa llo comunicaron a Aquaes, concesionaria da explotación da depuradora, e á empresa prestadora do servizo de saneamento e abastecemento para tomar as accións correspondentes.
A rexedora fai unha lectura política
Sanmartín lembrou o estado avanzado das obras da nova instalación, que xa está parcialmente en funcionamento e que entrará en servizo na súa totalidade no verán de 2026. Neste sentido, sorprendeulle que a sanción de Augas de Galicia se impoña no marco dunha obra da que a Xunta "forma parte". A alcaldesa fai unha "lectura política" desta decisión e lembrou os "15 anos con contaminación ao río por ineficiencia da depuradora", de forma que apreciou "un interese por sancionar ao Concello".
A infracción foi cualificada como "grave" e a contía imposta é a máxima dentro dunha pinza que vai de 30.001 a 300.000 euros. Inicialmente fora considerada como "leve", ao que o Concello alegou, pero a nova infracción -segundo explicou a rexedora- resolveuse "con outras medicións" e sen posibilidade de alegalas. "Era leve, e sen trámite de audiencia previa, de súpeto pasou a ser grave, no momento xusto en que se entra en funcionamento a nova EDAR" salientou.
A conselleira de Medio Ambiente di que a sanción supón un "cumprimento estrito da lei"
A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, explicou sobre a multa de 300.000 euros imposta ao Concello de Santiago que "aquí non hai ideoloxía" e sí "un cumprimento estrito da lei". Neste sentido engadiu que "estamos para axudarnos e non para saltarnos a lei".
Para Ángeles Vázquez "Santiago ten un problema, pero un problema derivado dunha serie de denuncias alleas totalmente a Augas de Galicia. Pero, cando hai unha, actúa, co cal se fixeron os controis necesarios". A consellería advertiu ao Concello que ten "un problema de carácter xudicial", derivado ao xulgado e á Fiscalía, que solicitaron a Augas de Galicia os expedientes das investigacións.