Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desartellan un grupo criminal con base no Rosal e Valencia que roubaba en Portugal

Desartellan un grupo criminal con base no Rosal e Valencia que roubaba en Portugal

O valor dos bens subtraídos puido alcanzar os dous millóns de euros

Na primeira fase da operación houbo dous detidos en Vilanova de Cerveira

O 10 de abril detiveron dúas mulleres en Valencia que están investigadas como cooperadoras 

G24.gal 15/04/2024 16:10 Última actualización 15/04/2024 20:06

Unha operación conxunta entre a Garda Civil de Pontevedra e a Garda Nacional Republicana de Braga logrou desartellar un grupo criminal itinerante responsable de máis dun cento de roubos en vivendas nunha ampla zona do norte de Portugal.

Foron as autoridades portuguesas as que solicitaron a colaboración da unidade orgánica de Policía Xudicial da Garda Civil de Pontevedra ante esta onda de roubos, establecendo este operativo conxunto a principios do mes de novembro de 2021.

Varios meses despois, en febreiro de 2022, activouse a primeira fase desta operación conxunta, denominada Gerbera-Arvoredo, que incluíu un rexistro na zona do Rosal en Pontevedra, onde os integrantes desta banda estableceran a súa residencia habitual.

Nese momento, foron detidas dúas persoas de orixe albanesa na localidade portuguesa de Vilanova de Cerveira, mentres que o terceiro integrante do grupo logrou fuxir.

Neste rexistro recuperáronse xoias, complementos de firmas de luxo, diñeiro en metálico, dispositivos móbiles, un inhibidor de frecuencia, walkie talkies, ferramentas e dous vehículos de alta gama que utilizaban para cometer os roubos. Os detidos foron postos ao dispor do tribunal correspondente en Portugal, que decretou o seu ingreso en prisión.

Os roubos producíanse en Portugal ocultando o botín e ferramentas, en zonas boscosas de Vilanova de Cerveira (Portugal). O valor dos bens subtraídos puido alcanzar os dous millóns de euros. 

A investigación sobre esta banda seguiu adiante e tras a emisión de varias ordes europeas de investigación polas autoridades xudiciais de Portugal e España e a análise da documentación intervida, as autoridades determinaron a existencia de dúas persoas máis, como cooperadoras necesarias, na provincia de Valencia.

Estas dúas persoas daban apoio loxístico e documental aos membros do grupo criminal, facilitando vivendas alugadas para a súa estancia temporal e vehículos. Este traballo desembocou na segunda fase desta operación, que desenvolveron o pasado 10 de abril co apoio de Europol, axentes da Garda Nacional Republicana Portugal de Braga e do Grupo de Patrimonio da Garda Civil de Pontevedra.

Así, levou a cabo un rexistro nun domicilio de Valencia e notificouse a condición de investigadas a dúas mulleres, ás que se lles considera cooperadoras necesarias na actividade do grupo criminal desarticulado. Neste operativo, os axentes comisaron diversa documentación importante no proceso, terminais móbiles en uso, material informático e uns 6.000 euros en efectivo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade