Un galego, entre os 16 detidos por tráfico de substancias anabolizantes ilegais
Detidas 16 persoas nas Palmas, Tenerife, Madrid e A Coruña, con doce rexistros domiciliarios practicados
A organización estaba vinculada a movementos ultras de fútbol de carácter violento
A Policía Nacional comisou 250.000 doses e estímase que a organización recibiu preto dunha tonelada nun ano
Axentes da Policía Nacional e funcionarios de Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria detiveron 16 persoas, unha delas na provincia da Coruña, e outras 5 nas Palmas de Gran Canaria, 8 Tenerife, e 2 en Madrid pola súa presunta participación en delitos de pertenza a organización criminal e contra a saúde pública.
A operación foi desenvolta baixo a dirección do Xulgado de Instrución número 1 de Coslada.
A investigación iniciouse en abril do ano pasado, cando os axentes tiveron noticias de que se estaría realizando un tráfico de substancias anabolizantes hormonais desde Bulgaria e Portugal a España.
Despois do desenvolvemento da investigación policial constatouse que o receptor dos paquetes que contiñan estas substancias tería ademais relación con grupos de fútbol de ideoloxía radical.
O modus operandi desta organización basearíase na recepción das substancias medicamentosas ilegais (anabolizantes hormonais) que eran enviadas a España desde países como Portugal, Bulgaria ou o Reino Unido.
Unha vez en España, dúas células da organización, desde as provincias de Madrid e A Coruña, recibían estas substancias e remitíanas ás illas Canarias mediante paquetería postal, tentando eludir os controis fronteirizos, e utilizando a filiación de terceiras persoas.
Case unha tonelada de anabolizantes nun ano
Con este modus operandi, a organización, durante o ano 2022, importaría unha cantidade superior ao 900 kg de anabolizantes, o que proporcionaba aos seus membros inxentes beneficios que sustentaban o alto nivel de vida do que facían ostentación nas redes sociais.
Tras unha investigación que se prolongou durante case un ano, o pasado mércores 22 de marzo estableceuse o dispositivo policial para a detención dun total de 16 persoas e a práctica de 12 rexistros simultáneos nas provincias de Tenerife, As Palmas, Madrid e A Coruña.
Froito destes rexistros comisáronse unhas 250.000 doses de produtos medicamentosos ilegais de tipo anabólico. De igual maneira, interviñéronse outras substancias estupefacientes, diñeiro en efectivo, material informático que será analizado e abundante documentación sobre os envíos efectuados pola organización.
Os detidos pasaron a disposición xudicial dos diversos partidos xudiciais afectados, sendo a titular do Xulgado de Instrución nº 1 de Coslada (Madrid) o que se encarga da causa.