Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detido en Vigo por vender supostamente drogas sintéticas nun piso do centro da cidade

Detido en Vigo por vender supostamente drogas sintéticas nun piso do centro da cidade

As pescudas permitiron comprobar que nun dos domicilios se vendía cocaína e haxix, mentres que no outro se distribuían substancias sintéticas destinadas a prácticas de chemsex

Policía Nacional Policía Nacional
G24.gal 11/07/2025 13:48

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo desmantelaron nas últimas horas dous puntos negros de venda de estupefacientes situados nun mesmo edificio do centro da cidade e detiveron un home, responsable dun dos pisos desde onde supostamente traficaba con drogas sintéticas.

Segundo explicaron fontes policiais, os dous pisos están nun edificio situado na zona de Churruca, no centro de Vigo, e hai meses que se iniciou a investigación ante os indicios de que se estaban vendendo estupefacientes a pequena escala, aínda que de forma independente entre eles. Así, as pescudas permitiron comprobar que nun dos domicilios se vendía cocaína e haxix, mentres que no outro se distribuían substancias sintéticas destinadas a prácticas de chemsex.

Aínda que a actividade de cada un dos pisos se levaría a cabo de forma independente, con distintos autores e compradores, ao estaren situados ambos os puntos de venda no mesmo edificio, a policía realizou unha intervención simultánea á primeira hora da mañá deste xoves para non prexudicar ningunha das investigacións.

Así, axentes da Brigada Local de Seguridade Cidadá (UPR) accederon ao edificio e entraron no piso onde supostamente se vendía haxix e cocaína e onde non se atopou o morador pero si que se interviñeron pequenas cantidades de marihuana e haxix.

Con respecto ao outro domicilio, si que se puido deter o seu responsable e, no rexistro, interviñéronse uns 4.000 mililitros de éxtase líquida (GHBA), 50 pastillas de Sildenafilo, máis de 20 pastillas de Tadanova-80, uns 100 gramos de mefedrona e máis de 500 mililitros de popper. Igualmente, os axentes atoparon diñeiro en efectivo, básculas, bolsas de autocerre e outros utensilios para preparar a droga.

Esta é a primeira aprehensión de drogas sintéticas realizada pola Policía Nacional en Vigo; son substancias que adoitan empregarse en prácticas de chemsex (uso de drogas para manter relacións sexuais durante longos períodos de tempo).

A persoa detida encontrase ao dispor do xulgado de instrución 4 da cidade viguesa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade