Publicador de contidos

Publicador de contidos

Abandonan en mar aberto un narcotraficante para asegurar o alixo

Abandonan en mar aberto un narcotraficante para asegurar o alixo

A investigación segue aberta e non desbotan a posibilidade dun axuste de contas

Polo de agora ninguén denunciou a desaparición do mozo de 27 anos

G24.gal 03/11/2021 11:23

A Policía Nacional investiga a desaparición dun mozo da Illa de Arousa en augas do Atlántico. A hipótese que barallan é que o mozo, de 27 anos, pertencía a un grupo de lancheiros que transportan droga, neste caso cocaína.

En principio parece que o rapaz puido caer á auga e que os narcotraficantes preferiron salvar a droga antes que unha vida humana. Con todo, non desbotan a posibilidade de que fose un axuste de contas. 

Fernando Alonso, xerente da Fundación Galega Contra o Narcotráfico (FGCN), explica que "os axustes de contas son tan vellos como o narcotráfico" para engadir que a desaparición do mozo tivo lugar durante o cargamento dun alixo que si conseguiu entrar en Galicia. 

"Hai complicidades e hai medo" 

Na zona impera o silencio, algo habitual, indica o xerente da FGCN cada vez que nos achegamos máis ao núcleo próximo do traficante, "hai complicidades e hai medo". Polo de agora nin familiares nin achegados denunciaron a desaparición do mozo. 

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, informaba este mércores que se está investigando a desaparición dun mozo na ría de Arousa no marco dunha operación contra o tráfico de drogas, pero sen dar máis datos.

En declaracións á prensa, Miñones dixo que prefire gardar o "silencio oportuno" ata que as forzas de seguridade conten con "información en profundidade".

"No momento en que teñamos información e se faga a investigación necesaria" poderase informar, pero "agora mesmo a información que temos non é suficiente”, afirmou o delegado do Goberno, quen non concretou se a desaparición é accidental ou se se trata dun axuste de contas.

Galicia segue sendo porta de entrada da droga

Este non é un feito illado, pois as malleiras, incendios, subornos ou desaparicións coma esta suceden máis do que debería. Amais, Galicia segue a ser unha porta de entrada para a droga que logo se distribúe polo resto da Península e de Europa. De feito, nos últimos días incautáronse máis de 12 toneladas de droga en varias operacións policiais.

Ante esta realidade dende a Fundación Galega Contra o Narcotráfico pide a implicación do Goberno non só galego, senón que tamén do central. Amais, cren importante pedir axuda a Europa "porque gran parte da droga que entra por Galicia e por España, logo é consumida nas discotecas de Berlín, Milán ou de París". 

Advirten de que a avalancha de alixos é preocupante. Nas últimas dúas semanas sábese que se conseguiron dar entrada a dous cargamentos de cocaína. Din que é preciso poñerlle freo a un grave problema de seguridade que non só afecta Galicia. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade