Varias aldeas evacuadas en Monterrei, que se suman aos veciños desaloxados en Vilardevós e Chandrexa
Varias aldeas evacuadas en Monterrei, que se suman aos veciños desaloxados en Vilardevós e Chandrexa
Un brigadista foi evacuado por un golpe de calor, aínda que con sintomatoloxía leve
A residencia de Chandrexa desaloxa a grandes dependentes por precaución ante o lume
Os incendios activos na provincia de Ourense calcinan mais de 13.000 hectáreas
Os tres bombeiros feridos en Oímbra ingresan na unidade de queimados do CHUAC
Os servizos de Emerxencia procederon esta noite ao confinamento e evacuación das localidades de Estevesiños, Mixós, Vences e A Pousa, no municipio de Monterrei.
Así mesmo, preto de 70 persoas están confinadas nunha parroquia de Vilardevós por un incendio forestal nese municipio.
En concreto, esa medida de prevención afecta a residentes dos núcleos de Bustelo e Vilardecervos. Levantouse o confinamento en Vilaseco da Serra, en Viana do Bolo, que afectaba a unhas doce persoas.
No Canizo, no municipio da Gudiña, levou a cabo o confinamento do pobo, duns 300 habitantes, medida que xa se levantou.
Están desaloxadas 27 persoas polos incendios que afectan á provincia de Ourense. Ademais das 25 persoas evacuadas por prevención dunha residencia en Chandrexa de Queixa, houbo dúas desaloxadas en Albarellos (Monterrei).
Os incendios en Ourense calcinan mais de 13.000 hectáreas
Permanece declarada a situación 2 a nivel provincial en Ourense, o que implica unha maior axilidade de medios e recursos.
Atópanse activos sete incendios de máis de 20 hectáreas, seis deles en Ourense: Chandrexa de Queixa-Requeixo (4.500 hectáreas), Chandrexa de Queixa-Parafita (1.800 ha), Maceda-Santiso (1.700 ha), Oímbra-A Granxa (2.500 ha), A Mezquita-A Esculqueira (2.000 ha) e Vilardevós-Vilar de Cervos (20 ha), aos que se suma o de Dozón-O Castro (400 ha) en Pontevedra.
Están estabilizados os de Ourense-Seixalbo (100 ha), Maceda-Castro de Escuadro (450 ha), Vilariño de Conso-Mormentelos (180 ha), Montederramo-Paredes (120 ha) e Vilardevós-Moialde (40 ha), todos na provincia ourensá.
E figuran como controlados os de Samos-Santalla (200 ha) e A Fonsagrada-Monteseiro (150 ha) en Lugo, así como o da Estrada-Souto (20 ha) en Pontevedra e Verín-Mourazos (9 ha) en Ourense.
Un brigadista evacuado e casas afectadas
A central de Emerxencias informa de que foi necesaria a evacuación dun brigadista por un golpe de calor, aínda que con sintomatoloxía leve.
Tamén sinala que se viron afectadas varias casas polo lume no pobo do Canizo, do mesmo xeito que unha vivenda e unha granxa en Guimarei, no Municipio de Monterrei. Noutras zonas chegaron a arder varias casas, todas elas deshabitadas.
A residencia de Chandrexa desaloxa a grandes dependentes
A residencia municipal de maiores de Chandrexa de Queixa está a iniciar o desaloxo dos residentes que son grandes dependentes para trasladalos a outro centro de Ourense como medida de "precaución" ante o incendio.
Trátase de 25 persoas do total de 70 usuarios da residencia que serán trasladadas a un centro da cidade de Ourense a través de ambulancias do 061 e de Cruz Vermella.
Este traslado realízase de maneira "moi preventiva", indicaron desde a Consellería, xa que aínda que agora mesmo a residencia non corre risco trátase de dependentes que custa moito mobilizar polo que se optou por desaloxalos como medida de precaución.
O resto dos residentes permanecerán polo momento no centro de Chandrexa, pendentes de como evolucione a situación do incendio.
O realoxamento dos corenta e sete anciáns que onte foron evacuados da residencia do municipio da Mezquita pola proximidade de varios incendios forestais, non se vai realizar hoxe.
O traslado foi suspendido ao considerar a Garda Civil que a estrada polas que se ían conducir non conta aínda coa situación de seguridade requirida.
A Consellería de Política Territorial mantén dispoñibles 220 prazas residenciais na provincia de Ourense para calquera traslado que sexa necesario desde as residencias que se vexan afectadas polos incendios ou para ingreso de particulares desde os seus domicilios, se fose preciso.