Dependentas dun súper de Baio frustran un roubo de queixos valorados en máis de mil euros
Perseguiron as tres sospeitosas logo de decatarse que saquearan a sección de lácteos
As traballadoras dun supermercado de Baio, no concello de Zas, lograron recuperar a mercadoría que lles roubaran 3 mulleres da sección de lácteos. As dependentas perseguíronas pola rúa ata que conseguiron que lles devolvesen os queixos que levaran, valorados nuns mil euros.
É o tema de conversa este venres entre clientes e dependentas do supermercado da cadea Gadis de Baio.
Os clientes preguntáronlles ás dependentas e contáronlles que o mércores intentaran roubarlles queixos. Eran tres mulleres das que sospeitaron e saíron correndo detrás delas.
Preto da hora de peche as empregadas decatáronse de que a sección de lácteos fora saqueada. Sospeitaron axiña de 3 mulleres que acababan de abandonar o establecemento. Saíron correndo detrás e berráronlles para que devolvesen os produtos roubados.
Testemuñas presenciais contan que viron as dependentas e a encargada do supermercado saír correndo detrás das sospeitosas.
Dúas das ladroas interceptáronas no aparcadoiro e a terceira logrou fuxir, mentres ía sacando produtos que levaba ocultos debaixo da roupa. As dependentas perseguírona pola rúa e lograron recuperar todo o botín: queixos valorados nuns mil euros. Tras devolver a mercadoría de malas maneiras, as ladroas fuxiron.