Denuncias cruzadas tras unha pelexa grupal entre mulleres en Vilagarcía
Picáronse nun local de copas pero houbo unha segunda parte máis violenta en plena rúa
Hai alomenos tres denuncias dunhas contra as outras por lesións
Intercambio de golpes, con puñadas, patadas e tiróns de pelo entre as protagonistas. Dunha parte está a muller de branco; da outra, un grupo de mulleres que son familia. Unha quéixase de que foron cinco contra ela e outra respóndelle que a están axudando.
"Miña prima acabou con lesións por todo o corpo e na cara", conta unha das implicadas.
A outra tamén. Foron as primeiras en caer ao chan pero, cando parecían apaciguadas, volveron os insultos e os empurróns.Demasiado alcol no corpo. Picáranse dentro dun local. A muller de branco saíu en defensa dunha rapaza á que case nin coñecía e á que unha das outras mulleres lle dera unhas labazadas. En vez de calmar os ánimos, quentounos aínda máis.
"Ela meteuse nun problema que non tiña que ver con ela e quixo pegarlle a miña nai nos baños. A parella de miña nai entrou con ela para defendela e despois veu a por min, que non sabía nada. Estivo empuxándome e quixo tirarme unha copa", engade a muller.
Xa fóra do local, encontráronse outra vez na rúa, na avenida da Mariña.
"Pregunteille por que me estaba buscando e ela lanzouse a pegarme pero eu non lle peguei. Empezaron a enfrontarse e dicirse cousas porque insultou ás outras que ían comigo", continúa.
Sorte dun mozo que pasaba por alí e se meteu no medio para evitar males maiores. Un punto e seguido, porque as ameazas seguen e tamén hai denuncias cruzadas, alomenos tres.