Publicador de contidos

Publicador de contidos

Denuncian unha axencia de Redondela que anulou viaxes que cobrara por adiantado

Denuncian unha axencia de Redondela que anulou viaxes que cobrara por adiantado

Os afectados descubriron que non tiñan billetes de avión ou prazas nos hoteis que supostamente reservaran

O propietario promete devolver os cartos, pero algúns afectados din que levan meses agardando

A axencia Viaxes Loa está arestora pechada e non contesta ninguén ao teléfono
G24.gal 08/08/2025 15:02 Última actualización 08/08/2025 17:22

A Policía Nacional recibiu xa varias denuncias de persoas que relatan que unha axencia de viaxes de Redondela as deixou sen os servizos que tiñan contratados e polos que pagaran de antemán. Nalgúns casos, con meses de anticipación.

Os afectados explican que no seu día ingresaron cartos, mil euros ou máis, por vacacións que agora non van poder gozar. Recibiron unha mensaxe de WhatsApp ou un correo no que o titular da axencia recoñece que a viaxe "non se pode realizar a curto prazo" e xustifica a situación polos problemas financeiros da empresa. 

"É unha gran pena. A ilusión, os cartos..., sénteste impotente. Xogan coa vida da xente", asegura Begoña Pérez, unha das afectadas que quedou sen a primeira viaxe que ía facer en moitos anos.

A axencia, Viaxes Loa, está arestora pechada e non contesta ninguén ao teléfono. Outros clientes contan que a empresa lles debe cartos dende hai meses ou que ao chegaren a un destino non tiña sitio no aloxamento que crían reservado.

"Cónstanos que esta axencia non cumpriu cos seus clientes", explica Marta Galindo, directiva da Asociación Galega de Axencias de Viaxes. "A algúns deixounos sen a viaxe ou chegaron ao destino e non tiñan os hoteis ou os servizos contratados"

En Redondela din que hai moitos máis casos. En Internet xa se poden ler tamén comentarios de persoas que aseguran que sufriron a mesma situación.

A axencia denunciada non forma parte da Asociación Galega de Axencias de Viaxes. Dende esta entidade aconsellan iniciar accións legais como paso previo para intertar recuperar os cartos. Ademais, explican que calquera cliente ten o dereito a recibir un contrato e información detallada sobre a súa viaxe dende o primeiro momento. Se non é así, hai que estar alerta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade