O Goberno autoriza licitar por 14,5 millóns a rehabilitación de 38 km da autovía A-52 en Ourense
Os traballos buscan mellorar a seguridade viaria e recuperar a capacidade estrutural do firme entre A Gudiña e Cualedro

O Consello de Ministros autorizou este martes o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable a licitar por 14,5 millóns de euros un contrato de obras para rehabilitar o firme entre os quilómetros 138 e 176 da autovía A-52, ao seu paso pola Gudiña, Riós, Vilardevós, Verín, Monterrei e Cualedro, na provincia de Ourense.
Segundo explicou o Ministerio nunha nota, o obxectivo da actuación é “garantir a seguridade viaria dos usuarios, recuperar a capacidade estrutural e funcional do firme e conservar adecuadamente o patrimonio viario de titularidade pública”.
Os traballos consistirán na eliminación parcial e reposición do firme existente cun recrecemento, mediante a extensión dunha nova capa de tres centímetros de espesor, co fin de “aumentar significativamente” a súa capacidade estrutural e adaptala ao tráfico, prolongando así a súa vida útil.
Os labores de rehabilitación superficial incluirán unha capa de selado sobre a capa drenante existente e a colocación doutra nova capa de tres centímetros co mesmo tipo de mestura.
O contrato tamén recolle outras actuacións complementarias, como a reposición das xuntas de dilatación en viadutos e pasos superiores.
Varios treitos da A-54 seguen limitados a 100 km/h
Os senadores do PP lucense —José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano— criticaron que o Goberno central non teña previsto que a A-54 entre Lugo e Santiago dispoña das características propias dunha autovía, ao non contemplar elevar a limitación de velocidade a 120 km/h en varios treitos nos que actualmente está restrinxida a 100 km/h.
Presentaron preguntas por escrito ao Executivo recollendo as queixas de condutores habituais desta vía, “obrigados a circular a unha velocidade inferior á habitual”.
Porén, sinalan que a resposta do Goberno “limítase a indicar que a limitación da velocidade deriva da normativa vixente de trazado do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sustentable, e non é unha medida da Dirección Xeral de Tráfico (DXT)”.