A estrada de Santiago a Padrón, unha trampa para condutores e peóns
Dous golpes fortes en menos dunha semana confirman a perigosidade deste treito da N-550
O Camiño atravesa a estrada en diferentes puntos, o que aumenta a perigosidade da vía
Golpe na nacional 550, xa en Padrón, supostamente polo descoido do condutor do turismo, que foi de fronte contra o camión.
"O coche pequeno quedou bastante danado", confirma unha veciña.
Chove sobre mollado.
"A semana pasada na Picaraña houbo outro golpe e foi bastante 'fastidiado'", engade a muller.
Son golpes 'fastidiados' polas imprudencias, polos excesos de velocidade e polo propio trazado.
"Hai moi poucas zonas onde adiantar, os puntos son moi perigosos e hai moi pouco espazo para facer un adiantamento con seguridade e ademais que hai moitísimo tráfico pesado, moito camión", constata un condutor.
"Corren, adiantan en liña continua e dálles exactamente igual e moito tamén é o piso da estrada que está sen asfaltar nin nada. Pintaron pero non asfaltaron", lamenta outro veciño.
Ao longo deste vinte e pico quilómetros, hai varios puntos complicados, sobre todo cando chove. Este é un deles.
"Diante do santuario, con este semáforo que hai aquí sempre hai golpes porque é un paso de peóns que pasan os peregrinos e para o primeiro coche, o de atrás vén despistado e dálle", engade o mesmo home.
Sucede en varios puntos da estrada: o Camiño obriga a que os peregrinos vaian dun lado a outro da nacional, como salientan eles mesmos. De feito, hai carteis de advertencia.
"Tes que atravesar varias veces a nacional, de maneira que é un treito máis inseguro e non tan bonito"
"Nos pasos séntese certa inseguridade e hai un treito que, ao pasar un camión, tivémonos que botar a un lado porque non había espazo para o camión"
"É como se os peregrinos estivésemos estorbando no camiño porque teñen que parar, hai moito tráfico... e hai moito cruzamento na estrada, moito paso de peóns e hai moitos peregrinos nesta etapa"
O problema vén de vello e, de feito, houbo modificacións en varios puntos do trazado.
"Antes había máis. Viñan dos Ánxeles e viñan de aquí do Areal e adoitaban tropezar, pero agora, dende que está a rotonda, non", explica unha testemuña directa.
Piden melloras no firme, que leva décadas sen reparar a fondo, e máis prudencia por parte dos condutores, pero tamén dos peóns.