Publicador de contidos

Publicador de contidos

Abre Conxemar en Vigo co reto de recuperar o consumo de peixe e cun chamamento para ampliar o espazo

Abre Conxemar en Vigo co reto de recuperar o consumo de peixe e cun chamamento para ampliar o espazo

Vigo volve convertese na capital europea da pesca cunha nunha feita con 812 expositores de 46 países

O sector aposta por produtos sinxelos para atraer novos comensais 

Concello, Xunta e Goberno coinciden na necesidade de ampliar e modernizar as instalacións do Ifevi

Atascos e retencións no primeiro día de feira

Xornada de inauguración de Conxemar no Ifevi (EFE/Salvador Sas)
G24.gal 07/10/2025 12:37

A Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados de Conxemar completou unha vez máis o espazo expositivo dispoñible e, a pesar diso, logrou ampliar o número de expositores respecto a hai un ano tras desafiar "as leis da física".

Así o indicou o presidente da Asociación Española de Almacenistas, Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (Conxemar), Eloy García, na inauguración do evento.

O dirixente de Conxemar sinalou que Vigo volve ser "epicentro da proteína azul" con 812 expositores de 46 países. "Desafiamos as leis da física; no mesmo espazo -37.000 metros cadrados-, máis expositores e probablemente mais visitantes -26.700 hai un ano-", advertiu García, quen lembrou que esta feira "está no podio das máis importantes do mundo" no sector.

O responsable de Conxemar reivindicou unha vez máis un acordo entre administracións (Xunta, Concello de Vigo e Zona Franca de Vigo) para ampliar o espazo, porque, lembrou, cada 6.000 metros cadrados de ampliación xera, segundo un estudo da Cátedra Ardán, 20 millóns de euros, "moito máis que o que custa un pavillón.

En 2024, Conxemar xerou un volume de negocio de 847 millóns, supuxo un impacto económico estimado de 235 millóns de euros en Vigo e a súa área metropolitana e creou máis de 6.500 empregos vinculados á celebración do evento.

Apoio e compromiso da Xunta

A conselleira de Mar, Marta Villaverde, falou do "apoio e compromiso" da Xunta para que a feira siga no Ifevi, un espazo "máis amplo, máis moderno e mellor preparado".

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, significou que Conxemar é "a xoia da coroa da pesca no mundo" e reivindicou tamén "máis espazo" ante os "ataques" para levar a feira a outra cidade e, aínda que a considerou "arraigada" na súa urbe, pediu "estar atentos porque o risco está aí aínda". El mostrouse disposto "mañá mesmo" a comezar a ampliación do recinto feiral, pero para iso demandou que se valoren os activos de Xunta e Concello no recinto feiral, "un requisito legal sen o que non se pode proceder", sostivo.

O ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, falou de Conxemar como "a gran feira da pesca en España e a nivel internacional" e, ademais, en Vigo, a "capital pesqueira" da Unión Europea.

 

Pero o sector, sempre, mira a Europa. Neste momento, preocupado polo recorte de fondos para a política pesqueira proposto pola Comisión Europea, que pretende reducir en dous terzos as subvencións á industria.

"Necesitamos levar adiante a pesca do século XXI con barcos do século XXI", afirma o ministro Planas. "Necesitamos un esforzo investidor que necesita tamén investimento público".

O subdirector xeral da Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) e director da súa división de Pesca e Acuicultura, Manuel Barange, advertiu de que a fame "nunca pode ser usada como arma de guerra". El lembrou que 2.600 millóns de persoas no mundo non poden pagarse dieta saudable, "números inaceptables, aínda que mellores que hai dous anos". Tamén avanzou que á celebración do 80 aniversario da FAO, o 16 de outubro en Roma, acudirá a raíña Letizia.

O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, proclamou a "alianza duradeira e estratéxica" da entidade financeira con Conxemar, "un referente mundial" nun momento xeopolítico de "controversias e equilibrios fráxiles". Escotet afirmou que a través de Abanca Mar facilitaron no que vai de ano máis de 450 millóns de euros en novos créditos, 150 millóns máis que o ano anterior.

Recuperar o consumo de peixe, o gran reto

O sector afronta un reto crucial, recuperar o consumo de peixe, que en España caeu un trinta por cento na última década. O obxectivo das empresas é enrolar novos consumidores e para iso a súa estratexia é poñelo o máis doado posible. En Conxemar podemos coñecer preparacións e formatos cada vez máis sinxelos, para que as novas xeracións perdan o medo a mercar, cociñar e degustar peixe.

"Por exemplo, temos un salmón cociñado a baixa temperatura que directamente é abrir o envase, xa está cociñado, non cheira a cociña...", explica Isabel Lorca, da multinacional norueguesa Mowi.

"É un producto se prepara ao microondas, está pasteurizado, que neste formato conserva o sabor e as calidades mellor", promociona unha das súas opcións Patricia Galoche, comercial da compañía viguesa Lanzal.

"Estamos facendo un arroz negro, coa nosa tinta, e xa rematou de facer unha paella co noso fondo de paella", describe ante a cociña da súa caseta a responsable da conserveira vasca Nortindal, especializada en xiba, Eva Altolaguirre.

En Conxemar apalábranse tratos de millóns de euros. Países como Cabo Verde, Corea do Sur ou Guinea Bissau acoden por vez primeira cunha delegación propia. 

"Queremos importar bacallau pero o prezo é un pouco caro", conta o representante coreano.

Mentres, as empresas galegas botan redes en novos mercados. Xogan na casa porque as cinco maiores de España por facturación teñen sede na área de Vigo,

"Cada vez estamos máis diversificados. Estamos xa vendendo en cincuenta e cinco países. E o negocio nos Estados Unidos e en Candá segue crecendo", asegura o director financeiro de Wofco, Álvaro Velasco.

Conxemar celébrase en Vigo ata o xoves. A feira ocupa todo o espazo disponible no recinto feiral de Cotogrande.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade