Na busca dunha autocaravana que se adapte ás nosas necesidades na feira da Coruña
Os compradores valoran a liberdade que dá esta forma de turismo
Os prezos van desde os 40.000 euros a máis de 500.000
A liberdade que dan as autocaravanas para escoller destino sobre a marcha convence cada vez máis xente. Os que aman esta maneira de viaxar teñen unha cita na Coruña. A feira de Yakart reúne medio cento de vehículos novos e de ocasión e ofrece asesoramento especializado para acertar coa casa sobre rodas perfecta.
Verónica ten claro que algún día terá unha autocaravana propia.
"Para os nenos é o mellor. A liberdade do cámping, coñecer a natureza, estar con xente nova, con nenos de todos os países", asegura mentres vai mirando as opcións que hai
Pero polo momento, a súa familia está pensando en alugar unha para as vacacións do próximo verán. Aquí poden valorar diferentes opcións e comparar as prestacións de cada modelo. Para os que están decididos a mercar, a feira pon á venda preto de medio cento de vehículos novos e de ocasión.
"O primeiro é saber cantas persoas van viaxar e ter un orzamento en mente. Aquí partimos desde os 40.000 euros a máis de 500.000", asegura Sanda Jul, xerente de Yakart Coruña
Un investimento elevado para viaxar con todas as comodidades e coa liberdade de poder decidir en cada momento a onde ir.
"Sen cambiar de cama, cambiamos de lugar cando queremos, se chove ou vai frío. Fundamentalmente pola independencia e porque viaxamos moito máis ca antes"
A feira de Yakart continuará ata o cinco de outubro.