Cincuenta empresas buscan traballadores na Feira de Emprego Working Hell da Coruña
Predominan as ofertas do sector comercial e tecnolóxico
Hai moitos estudantes que buscan empresas onde facer as súas prácticas de formación e perfilar o futuro laboral
Cada vez é máis habitual que os que buscan un traballo e os que o ofrecen conflúan en eventos coma a Feira de Emprego Working Hell da Coruña, e intercambien de maneira directa sobre os seus intereses laborais.
"Cóntame un pouco, que traballo che gustaría? - Caixeiro, repoñedor ou no almacén mesmo", di un dos asistentes.
Nesta edición da Working Hell participan 50 empresas de distintos sectores. Prima o comercial, coa presenza do grupo Inditex, e tamén o tecnolóxico. Hai moita xente nova que acode coa perspectiva de buscar empresas onde facer as súas prácticas se aínda está estudando, ou ver onde iniciar a súa experiencia laboral agora que xa ten un título.
Pero tamén hai outros moitos aspirantes, máis ou menos veteranos, que buscan algo inmediato e confían en que esta feira lles abra o camiño.
