Denuncian o perigo que supoñen os inmobles abandonados da Praza Vella de Ferrol
Os veciños din que unha barreira de protección ou unha estada non son dabondo para evitar o risco e esixen medidas urxentes e concluíntes
"Está abandonado"; "Caen as casas...". Falan de Ferrol Vello, o barrio máis próximo ao porto. Camiñes por onde camiñes atopas unha morea de inmobles en avanzado estado de deterioración.
"É un perigo. Hai moitos apuntalados e vas camiñando e non sabes o que pode pasar". Unha das últimas incidencias rexistrouse nun edificio da praza Vella, declarado en ruínas desde hai xa unha década.
"Caeron cascotes e nun momento en que había moitos nenos aí xogando". "Non pasou nada... pero puido pasar". "E puxeron aí unha barreira de protección que non evita o perigo e aínda por riba quedamos sen parque".
Así que esixen medidas urxentes e concluíntes. "Algo teñen que facer para salvar o barrio".
Desde a Subdelegación do Goberno informan de que un inmoble da praza Vella en concreto incorporarase en breve ao patrimonio de Facenda. E engadiron que, coordinados co Concello de Ferrol, están tratando o caso con urxencia para poder acometer as actuacións pertinentes.