Publicador de contidos

Publicador de contidos

Denuncian o abandono da fonte do Tinteiro, en Ourense

Denuncian o abandono da fonte do Tinteiro, en Ourense

Este manancial de augas mineromedicinais, de gran tradición na cidade, leva meses botando auga fría polas filtracións do río Miño

Como alternativa, os veciños recorren a outro manancial, situado uns metros máis arriba, pero as propiedades, din, non son as mesmas

G24.gal 23/09/2025 14:10

Nun balcón con vistas ao Miño e ao pé do paseo fluvial, a fonte do Tinteiro chegou a contar cunha afluencia de máis de trescentas persoas ao día. "Xente que vén con problemas de pel, como acne ou dermatite, cura". "Viña a xente incluso con tallas e metían aí os pés", comentan dous usuarios.

Hoxe, só chegan os despistados. Turistas e algún veciño que aínda non se decatou de que leva meses sen funcionar correctamente polas filtracións da auga do río.

Quique Camoeiras, voceiro da plataforma Amigos das Termas: "Se a do río está a 16 graos, esta sae a 20, cando tiña que saír a 40 ou 45".

Pero na cidade termal hai outras alternativas, coñecidas só pola poboación local. Baixo o viaduto da nacional 120, a poucos metros do río, pero accesibles só por carrouchos, flúen os mananciais da antiga casa de baños das Caldas. "Aquí chamámoslle Tinteiro, tamén, coma o de abaixo. Pero no de abaixo sae a auga fría", aclara unha muller que vén de coller auga.

Aquí coinciden a diario ducias de persoas, á procura de solucións de eterna xuventude: para os ollos, para a pel, para a gorxa...

"Non teño a voz clara coma antes, que cantaba na igrexa. Agora non podo cantar porque non me sae. A ver se me limpa a gorxa". "Para os ollos, a cara, as feridas... é boa. Iso garantido!", comentan dous usuarios.

O problema, din, é que as propiedades non son as mesmas que as da fonte do Tinteiro. "A fontiña de arriba din que é boa para os ollos, a de abaixo para as mazaduras e a do Tinteiro para beber", detalla un veciño.

"Para a boca, cicatrices e enfermidades da pel", confirma un cartel tan desgastado coma o propio surtidor.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade