Denuncian a deterioración da pasarela do castelo de Santa Cruz, en Oleiros
A estrutura presenta corrosión xeneralizada, madeiras podres e ata un desprendemento dunha lámina metálica
Desde o Concello aseguran que levan máis de dous anos pedindo a renovación da pasarela
Unha lámina metálica que se desprendeu da estrutura o venres pasado e que, ao pouco, caeu sobre o areal, fixo saltar de novo as alarmas. "O ferro que hai por abaixo cae. Vimos do CEIDA e facemos recollidas na praia con colexios e atopamos moitos pedazos de ferro. Calquera día caemos para abaixo".
É só un exemplo que dá conta do mal estado de conservación en que se atopa esta pasarela que conecta, por riba do mar, terra firme co castelo de Santa Cruz. "É que o mar fai das súas. Está todo oxidado". "Hai táboas soltas".
Un acceso peonil que cumpriu xa as súas vodas de prata e no que poucas intervencións se fixeron desde a súa inauguración. "Cambiaron algunhas madeiras e pouco máis. Aí teñen que facer algo axiña".
Desde o Concello de Oleiros informan de que levan máis de dous anos reclamando a necesidade de renovar esta pasarela. Explican que, malia que o Ministerio de Transición Ecolóxica aceptou as súas solicitudes e está a realizar os trámites previos á obra, urxe acelerar o proceso por cuestións de seguridade.