En Trasmañó arranxaron unha estrada e "quedou peor", din os veciños
Os veciños vense na obriga agora de invadir o carril contrario para tomar unha curva, aseguran
Na parroquia redondelá de Trasmañó acaban de arranxar unha vía para facer beirarrúas e malia as advertencias veciñais fixeron máis pechada unha curva polo que xa houbo múltiples accidentes. Os condutores vense na obriga de invadir o carril contrario para tomar a curva. Consideran que aínda hai tempo para amañala porque as obras aínda non remataron e a vía aínda non foi recepcionada polo concello. Pensan que a solución é doada reducindo as beirarrúas. Un dos que tivo un accidente foi o secretario da asociación de veciños José María Leal. Estivo varios meses sen coche, estragóuselle todo o frontal do vehículo por un choque.
As obras fíxoas AUDASA como compensación aos danos na parroquia. Pero vendo o resultado consideran que estaban mellor antes.
Agardan que o concello de Redondela medie para conseguir unha solución. De non ser así, non desbotan mobilizacións, xa estiveron en Santiago hai meses ás portas do hotel en que se aloxaba Ábalos cando era ministro.