Denuncia o roubo de 6.000 euros a través da banca electrónica
Unha veciña de Ourense denuncia que lle roubaron preto de 6.000 euros en operacións realizadas en Nixeria, Atenas e Madrid
Asegura que ela non facilitou ningunha clave de acceso e culpa o banco de non garantir a seguridade dos depósitos
Carmen amósanos os extractos das súas contas. Todo ocorreu de madrugada. Mentres ela durmía tranquilamente na súa casa de Ourense, en Nixeria, Madrid e Atenas estaban facendo compras coa súa tarxeta.
"Desembolsáronme 5.561,98 euros nuns minutos. Eu non daba crédito", sinala Carmen Negreira, a vítima do roubo.
Tardou un par de días en detectalo e, inmediatamente, púxose en contacto co banco, que finalmente lle denegou a reclamación.
"Chegáronme uns SMS dicindo que a resolución é desfavorable porque eu autoricei eses pagos. Como ía autorizalos? Estaría tola!"
Ela asegura que non facilitou datos de acceso, e sospeita que os ciberdelincuentes desviaron as mensaxes de verificación do banco a outro número.
"Nunca me chegou, porque estaban desviadas a outro terminal dos defraudadores. Eu non lle dei claves a ninguén, non dei contrasinais e non entrei en ningún enlace inconscientemente".
Acusa o banco de non protexer axeitadamente os depósitos dos seus clientes e di que chegará ata o final.
"Dinche: 'É coma se leva o diñeiro pola rúa e o perde'. Perdoa?: o diñeiro estaba no seu banco, vostede é responsable do diñeiro e debería ter outros controis".
De momento, denunciou perante a Policía Nacional e na Oficina do Consumidor, pero non descarta recorrer á vía xudicial.
Desde a entidade bancaria aseguran que non houbo ningunha fenda de seguridade e que as operacións se realizaron desde o terminal habitual da clienta.