Declaran no xulgado de Cambados os detidos na operación contra a fabricación de narcolanchas
A operación permanece aberta e non se descartan novas detencións
No xulgado de Cambados hoxe comezaron a prestar declaración unha ducia de detidos na operación Munari, que desbaratou unha rede dedicada á fabricación de narcolanchas.
Do autobús foron baixando e entrando no xulgado de Cambados 12 dos 21 detidos nesta operación. Outros nove arrestados, maiormente operarios que traballaban na fabricación das lanchas, quedaron en liberade con cargos. As declaracións ante o xuiz desta ducia de detidos poderían prolongarse ao longo de toda a xornada.
Entre os detidos en Galicia está Pablo Vázquez, sinalado como o líder da organización. Un home xove, pola trintena, sen antecedentes policiais, especialista no traballo coa fibra de vidro. Parece ser que adaptaba o deseño ás necesidades dos múltiples clientes. Dimensións da eslora, potencia e tipo de mercadoría a transportar e descargar.
Fernando Alonso, xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico, di que esta operación ataca directamente a loxística das tramas de tráfico de drogas.
A fabricación da estrutura realizaríase nas naves rexistradas en Cambados, Ribadumia e Meaño. En Salamanca encargaríanse da instalación electrónica. A montaxe final faríase en Portugal, nunhas naves situadas en Viana do Castelo e Valença.
En España prohibiuse en 2018 o uso e fabricación de calquera vehículo náutico que supere os oito metros de eslora. Unha limitación que non existe no país veciño. Fernando Alonso di que debido á condición legal que estas lanchas teñen en Portugal dispoñen dunha infraestrutura traballando para os narcos.
O destino final das narcolanchas repartíase por todas as zonas do litoral peninsular onde se focaliza o tráfico ilegal de drogas a grande escala. A operación permanece aberta e non se descartan novas detencións.