Renfe estrea oferta comercial este luns co AVE Vigo-Madrid en menos de 4 horas
A compañía ferroviaria asegura que cos novos servizos o despacho de billetes medrou máis dun 40 %

Renfe aplica desde este luns a súa nova oferta de servizos comerciais, que, segundo explica a compañía nun comunicado, incrementa as viaxes do corredor Galicia-Madrid e reduce tempos, como é o caso do tren de Vigo á capital por baixo das catro horas.
De acordo coa compañía ferroviaria, a nova proposta de alta velocidade está a ter unha acollida excepcional e o despacho de viaxes medrou máis dun 40 %.
A reorganización dos servizos ferroviarios que se pon agora en marcha, con máis trens da serie 106, melloras nos tempos de viaxe, máis prazas e maior disposición de billetes con prezos axustados, grazas a máis servizos Avlo, sostén Renfe.
A compañía xa mellorou as vendas do verán pasado tras despachar para xuño 174.639 billetes, un 27,8 % máis, mentres que para o mes de xullo o número de billetes xa alcanza máis de 64.578, un 42,5 % máis que o vendido hai un ano nestas mesmas datas, coa mesma anticipación de venda.

Once circulacións por sentido
A compañía planeou un cadro de horarios con 11 circulacións por sentido en días laborables e considera que introduciu "melloras" nas súas conexións.
Presume de ofrecer "máis prazas, mellores prestacións grazas aos novos trens e máis servizos AVE", así como unha redución de tempos en varios traxectos, como no Vigo-Madrid, por baixo das catro horas.
Esa conexión reducirase ata as 3:50 horas cun tren madrugador con saída ás 6:00 e chegada á capital antes das 10:00 da mañá.
Ademais, incorporar un novo AVE, en substitución do servizo Alvia e, en total, ofreceranse tres servizos AVE e un Avlo.
A conexión Vigo-Madrid contará con máis prazas ao incorporarse só material S106 nos seus servizos (os Avlo poden transportar ata 581 viaxeiros, mentres que na súa versión AVE os S106 de rodadura desprazable alcanzan as 507 butacas, case o dobre que os tradicionais Alvia).
A Coruña conectará con Madrid, pasando por Santiago, á primeira hora da mañá cun Avlo S106 con saída ás 05:14 horas (ata o de agora nese horario podíase realizar cun tren de ligazón) que permitirá a chegada antes das 9 da mañá á capital.
A cidade coruñesa pasa a ter cinco opcións de viaxe en AVE ou Avlo directas sen ligazóns, en lugar das tres actuais -tres AVE e dúas Avlo por sentido-.
Ourense pasará a prestar 11 frecuencias ao asumir as melloras de Vigo e A Coruña; Santiago de Compostela pasa a ter 4 AVE e 3 Avlo e Lugo mantén o servizo Alvia.
Ferrol, en cambio, contará con ligazóns, como o que permite conectar aos viaxeiros co AVE das 7:15h da Coruña e chegar a Madrid antes das 11 da mañá.
