Os billetes de avión a Madrid esgótanse e os coches de alugueiro encarecen os prezos
As alternativas para viaxar a Madrid nestes días son poucas e caras
Co servizo de tren suspendidos por mor dos incendios, as prazas de avión dispoñibles esgótanse e os prezos dos billetes de última hora andan polos 400 euros
Desde as axencias de viaxes contan as dificultades que están tendo para que os seus clientes cheguen a tempo ás conexións
O voo de Madrid da compañía Iberia, que debía aterrar no aeroporto Rosalía de Castro ás nove menos vinte da mañá foi desviado á Alvedro.
"Non pode chegar o avión e entón non pode recoller os pasaxeiros aquí en Santiago e estanos levando á Coruña en bus", explica un viaxeiro.
Algo máis de cen pasaxeiros que agardan a saída do avión viron alterados os seus plans e mesmo perderon as conexións.
"Xa non nos dá tempo a chegar, vannos cambiar o avión a outro día", conta un home.
Foi unha incidencia nunha fin de semana, co servizo de tren suspendido e con algúns voos con overbooking. A posibilidade de quedar en terra é real.
"Non vou moi sobrado de tempo, non o temo espero que vaia todo ben".
"Agora con isto dos trens será todo moito peor, por iso viñemos con algo de tempo, por se hai algún problema".
Os billetes para estes días esgótanse e as últimas prazas véndense máis caras.
"Eu compreino a 20 euros, hai uns meses".
"A min saíume por 150 ida e volta, non está mal", comentan dous mozos.
"As últimas prazas poden ir desde máis de 300 euros só a ida", di Juan Antonio Rivadulla, presidente de AGAVI.
Desde as axencias de viaxes aseguran que teñen dificultades para trasladar os clientes por estrada.
"Coches de alugueiro case non hai, esta mañá quedaba pouca dispoñibilidade e os prezos sufriron un incremento considerable, había coches de 400 euros para arriba por día", explica Ribadulla.