Publicador de contidos

Publicador de contidos

A baixada da calor e a suba da humidade favorecen a loita contra o lume en Valdeorras

A baixada da calor e a suba da humidade favorecen a loita contra o lume en Valdeorras

O martes pola mañá o lume xa queimara 20.000 hectáreas en dez concellos diferentes

Veciños de Vilamartín quéixanse de que ninguén acudiu ás chamadas para salvar a aldea de San Vicente

Vivenda calcinadas en Cernego, en Vilamartín de Valdeorras (EFE/Brais Lorenzo)
G24.gal 19/08/2025 14:42

O monte segue ardendo en Valdeorras aínda que na noite do luns ao martes a situación mellorou algo. Vai menos calor e subiu moito a humidade relativa. Se na fin de semana apenas chegaba ao 50 por cento, arestora en lugares como Larouco, o punto de inicio do lume, aumentou ao cen por cento

Segundo o último informe da Xunta, o incendio queimou xa 20.000 hectáreas, confirmándose como o maior da historia de Galicia desde que hai rexistros. As lapas chegaron aos nove concellos de Valdeorras -Larouco, O Barco, O Bolo, A Rúa, Petín, Rubiá, A Veiga, Vilamartín e Carballeda- e afectan tamén Quiroga, xa na provincia de Lugo. 

A maioría dos danos son en montes e viñas pero tamén arderon naves industriais na Rúa, dúas igrexas no Barco ou varias casas en Petín, que se suman aos danos en infraestruturas. Pero a imaxe da desolación témola en Vilamartín de Valdeorras, nos ollos dos veciños de San Vicente, a aldea que quedou case completamente destruída polo incendio. Tiveron que fuxir ante o avance das lapas e algúns volveron a comprobar os estragos.

"Foi criminal, tivemos que fuxir porque entraba o lume por todos os lados", relata un home. "É como se tirasen unha bomba", describe entre saloucos unha muller ante os restos da casa do seu pai, que quedou sen nada.

Algúns veciños quéixanse da falta de axuda. Aseguran que ningún servizo de emerxencia chegou a tempo a San Vicente malia as súas peticións de socorro.

"Aquí non apareceu ninguén", afirma unha muller. "Chamamos a moitos sitios e non veu ninguén", apunta outra.

Tamén o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, percorreu San Vicente, onde el mesmo viviu algún tempo. Coincide en que non chegaron servizos de extinción, aínda que cre que había medios na zona. Pensa que é un problema dos protocolos para mobilizar os dispositivos.

"Eu non lle boto a culpa a ninguén. Tamén nos botamos un pouco a culpa á xente que vivimos na aldea e que un día decidimos que marchabamos porque nos parecía que a vida mellor estaba abaixo", conclúe o alcalde.

As alcaldesas de Petín e da Rúa coinciden en que ardeu unha enorme parte do territorio dos seus concellos. No Barco informan tamén de danos nalgunha condución de auga e na rede de fibra óptica. En toda a comarca seguen sendo complicadas as comunicacións por teléfono.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade