Concentracións nunha trintena de concellos para protestar pola vaga de incendios e contra a política forestal en Galicia
Concentracións nunha trintena de concellos para protestar pola vaga de incendios e contra a política forestal en Galicia
A protesta foi convocada pola plataforma Por un monte galego con futuro con ecoloxistas e outros colectivos

Este xoves celebráronse mobilizacións nunha trintena de municipios galegos para protestar pola vaga de incendios que asola a comunidade e contra a política forestal do PP. Nas concentracións esixiron responsabilidades e pediron a dimisión do presidente da Xunta.
As mobilizacións foron convocadas pola plataforma Por un monte galego con futuro, integrada por máis de medio cento de colectivos, para denunciar "unha vez máis, outra traxedia ambiental, social e cultural e económica", e reuniron 45.000 persoas en toda Galicia, segundo os organizadores.
No manifesto lido ao final da concentración, os convocadores da protesta denunciaron que a vaga de incendios provocou un "Prestige do interior". Alertaron de que as condicións climáticas fan que os incendios se propaguen a unha extensión maior, mentres hai un abandono do rural e das persoas que ven arder os seus fogares por falta de medios.
Entre as súas demandas, esixiron crear un servizo público de bombeiros forestais con xestión directa da Xunta, a declaración de zona catastrófica das áreas calcinadas, a suspensión da caza e a pesca nesas zonas e os seus arredores para permitir a rexeneración das especies, unha moratoria indefinida a novas plantacións de eucaliptos e non deixar o monte en mans de especuladores.
Unha das principais protestas realizouse en Vigo. A esta concentración, ademais do alcalde, Abel Caballero, acudiu a vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, acompañada de varios representantes do Movemento Sumar Galicia.
Díaz remarcou a importancia da prevención, que debe estar "no centro" das políticas de país, tanto das comunidades autónomas como do Estado, e reiterou que "os incendios se apagan no inverno".
A vicepresidenta segunda do Goberno lembroulles ás empresas e traballadores afectados polos incendios forestais que están á súa disposición os expedientes de regulación temporal de emprego por forza maior, os chamados ERTE "climáticos".
En Vigo tamén estivo o portavoz do BNG no Congreso, Néstor Rego, que pediu un "punto de inflexión", con políticas de prevención e un cambio de modelo forestal. A líder do BNG estivo na concentración de Ourense.