Galicia terá catro novos xuíces de violencia machista
A Xunta critica que na Coruña e Vigo se cubran as prazas á custa de eliminar dúas en xulgados de instrución
O Boletín Oficial do Estado publica o decreto polo se incorporan catro xuíces de violencia de xénero en Galicia.
En Santiago e en Ourense créanse prazas específicas. Na Coruña e en Vigo tamén, pero a cambio de eliminar dúas de instrución. Algo co que discrepan tanto o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia como a Xunta.
"Confírmanse os peores presaxios que tiña a Xunta. A creación de Xulgados de Violencia contra a Muller é unha demanda que levamos facendo desde hai dous anos e co resultado final non podemos estar de todo contentos", dixo Diego Calvo, conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes.
O conselleiro de Presidencia tamén criticou que o Goberno deixe en mans dos alcaldes e da Xunta a promoción dos aeroportos galegos.
"Ten que haber unha coordinación, pero os aeroportos son de AENA e non pode eludir a súa responsabilidade. Non pode ser que pensen que a Xunta e os concellos son os que van pagar que haxa ofertas nos tres aeroportos", asegura Diego Calvo.
Diego Calvo participou na inauguración en Sarria das décimo oitavas xornadas xurídicas Román García Varela, centradas na modernización da xustiza.