A parella de Nerea Añel nega que estivese presente cando morreu e pide a súa absolución
O TSXG acolleu a vista de apelación pola sentenza condenatoria de 10 anos por homicidio por omisión
O home condenado pola morte da súa parella, Nerea Añel, por un delito de homicidio por omisión non compareceu ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na vista de apelación. A súa avogada solicita a libre absolución alegando que non quedou acreditado que el participase nos feitos nin que a vítima sobrevivise no caso de que alguén lle prestase asistencia médica.
"Di que hai un defecto na apreciación da proba, que non resulta da proba que Julio estivese alí. E considera tamén que non tiña a obriga, no caso de estar alí, de acudirlle, porque non formaban parella", explica Jorge Temes, avogado da acusación particular.
As acusacións pública e particular piden que se manteña a sentenza condenatoria de 10 anos de cadea. "Si constituían unha parella. É máis, el declarouno así no inicio do procedemento con xurado en Ourense. Nunca negou iso", engade Temes.
A sentenza condenatoria chegou despois de que o pasado mes de xuño o TSXG declarase nula a primeira sentenza emitida pola Audiencia Provincial de Ourense por acadar unha conclusión diferente á emitida polos membros do xurado popular.
Agora será o alto tribunal galego quen resolva o recurso presentado pola defensa.