A Coruña conecta cos océanos no festival multidisciplinar Mar de Mares
Este espazo de encontro celebra a riqueza dos océanos e alerta sobre a necesidade de protexelos
O mar entrou no mercado coruñés de Santo Agostiño esta fin de semana. Con ondas que arrastran alimentos, roupa ou xoias inesperadas.
Karin e Mónica son algunhas das creadoras que amosan os seus produtos no mercado do festival Mar de Mares. É unha das actividades máis consolidadas deste evento que busca poñer os océanos na primeiro plano.
"A filosofía do festival é concienciar da necesidade de coidar os nosos mares e gozar deles ao mesmo tempo", asegura José Luis Cousillas.
José Luis Cousillas é o codirector do Festival Mar de Mares, que aspira a un equilibrio e un futuro sostible nos océanos.
As mellores esponxas mariñas
O mesmo no que se basea Juan Carlos Mascato para cultivar dende hai quince anos esponxas mariñas e exportalas desde Caldas de Reis.
No mercado cociñan produtos do mar, como a pesca das rías na que se especializou hoxe o experto Moncho Méndez. E tamén investigan sobre as algas, da man da bióloga Ana Prieto.
Paseo guiado para observar aves mariñas
O festival Mar de Mares acada a súa duodécima edición mirando tamén para o aire. Outra das actividades foi este paseo guiado para observar aves locais e migratorias.
Mar de Mares traballa por un futuro sostible a través da reflexión, pero tamén da acción. A vindeira semana poñerá o peche coa sexta gran limpeza de fondos mariños.