Publicador de contidos

Publicador de contidos

Catro muralistas deixan a súa pegada en Rianxo grazas ao festival Viladomar

Catro muralistas deixan a súa pegada en Rianxo grazas ao festival Viladomar

Yoseba MP, Pelucas Bubbles, Lúa Gándara e Xoana Almar interviñeron en tres espazos da vila

O certame de arte urbana, que xa promoveu vinte murais, cumpriu a súa sexta edición

G24.gal 13/07/2025 14:25 Última actualización 13/07/2025 15:03

Xosé Romero e Maruxa Miguéns foron Os Rosales de Asados, un dos grupos de gaitas máis populares desde que comezaron a tocar nos anos 50. Ela foi unha auténtica pioneira da música tradicional. O artista Yoseba MP decidiu retratalos nesta casa da parroquia de Rianxo onde naceu o grupo. 

"Foi unha pioneira, porque nesa época non había mulleres nas formacións de gaiteiros. Atopei unha imaxe que me gustaba moito, que é dun fotógrafo, Vicente Ansola. Chameino para pedirlle permiso, e xa nada máis ver a foto sabía o que quería pintar, que era facerlles un disco recompilación de todos os seus anos de traballo", explica o muralista Yoseba MP.

Esta intervención forma parte do festival de arte mural Viladomar de Rianxo, que desde hai seis anos convida a artistas para que deixen a súa pegada na paisaxe urbana do concello.

"Temos unha selección de artistas galegos, temos a Pelucas Bubbles, a Yoseba MP, a Lúa Gándara e a Xoana Almar. Son xente cunha traxectoria moi demostrada. No caso de Pelucas, interveu nos últimos anos por medio mundo", explica Nove Noel, membro da organización do Festival Viladomar de Rianxo.

"Mesturo diferentes estilos, un pouco de improvisación, un pouco de psicodelia, de surrealismo, mesturo arquitectura, pop art", di o artista Pelucas Bubbles.

Na escola unitaria do Pazo interviñeron as artistas Xoana Almar e Lúa Gándara, pintora abstracta que facía un mural por primeira vez. 

"A interacción co público foi fantástica. É unha das cousas que máis me gustou de pintar fóra do taller. Vén a xente, di cousas, observa... Foi marabilloso. Unha señora dixo: 'aquí cada quen ve o que quere ver, é un xogo'. Entendeuno perfecto", explica Lúa Gándara. 

Desde a súa fundación no 2018, o festival Viladomar promoveu vinte murais en distintos lugares de Rianxo. 

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade