Publicador de contidos

Publicador de contidos

Colas virtuais dunha hora e miles de solicitantes na apertura do prazo do Bono Concilia

Colas virtuais dunha hora e miles de solicitantes na apertura do prazo do Bono Concilia

Ás 10:30 horas, había máis de 2.000 persoas en espera e máis de 7.000 solicitudes tramitadas 

O prazo para pedir as axudas remata o 9 de outubro 

G24.gal 09/09/2026 12:35

O prazo para solicitar o Bono Concilia da Xunta abre este mércores á primeira hora. A gran demanda está a ocasionar problemas técnicos, con esperas que á primeira hora superaban os 60 minutos e colas virtuais de miles de persoas.

Así, os usuarios que acceden á páxina web para pedir a axuda atópanse cunha mensaxe da plataforma que lles asigna un número na cola e informa do número de usuarios por diante nesa ringleira virtual e tamén o tempo estimado de espera para entrar na web.

Xa desde primeira hora, a alta demanda provocou a acumulación de persoas en espera e, pouco despois das 09:00, a espera era dunha hora. Ás 10:30, o número outorgado era superior ao 7.000, con máis de 2.000 persoas na cola virtual e unha espera de máis de 30 minutos.

Ademais, algúns usuarios, que lograron completar o proceso de solicitude, advertiron de que non lles chegou a mensaxe ou notificación que confirme que a petición está feita.

Estas axudas van dirixidas a familias con nenos e nenas nacidos entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2022, residentes en Galicia, e teñen como finalidade atender as necesidades de conciliación de carácter puntual ou durante as vacacións escolares (entre xaneiro e setembro de 2026). Así, cobre a contratación dunha persoa coidadora a domicilio, campamentos (salvo os organizados por administracións públicas, como os concellos), ludotecas ou outros servizos autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade.

O prazo para pedilas comezaba este mércores ás 09:00 e finaliza o próximo 9 de outubro ás 14:00 horas. A axuda cobre ata o 75 % dos servizos (e ata o 100 % para as familias de especial consideración).

As contías máximas son de 500 euros por unidade familiar para contratar coidados a domicilio e de 200 euros por cada fillo/a en caso de asistencia a campamentos ou servizos de conciliación colectivos autorizados pola Consellería de Política Social e Igualdade.

A convocatoria do Bono Concilia conta cun orzamento de 2,66 millóns de euros e as axudas outorgaranse en actos sucesivos, é dicir, por orde de presentación, sen que haxa unha concorrencia competitiva nas solicitudes, ata que se esgote o crédito.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade