Os pais galegos xa poden pedir as axudas para reducir a xornada laboral e conciliar
As axudas, convocadas pola Xunta, van dos 1.700 aos 3.700 euros
A contía das axudas determinarase en función de dúas variables: a porcentaxe de redución de xornada laboral e a súa duración, e o número de fillos a cargo
Imaxe de arquivo da TVG
As axudas de entre 1.700 e 3.700 euros que convoca a Xunta para fomentar que sexan os homes os que reduzan a xornada no marco da conciliación da vida privada, familiar e laboral poden pedirse desde este sábado. O prazo de solicitudes será dun mes. O último día será o 24 de agosto.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou este venres a orde de axudas, cofinanciadas con fondos europeos e que teñen como fin último o coidado de fillos. Cun crédito case idéntico ao de anteriores anos (618.840,84 euros), as subvencións concederanse en réxime de concorrencia competitiva, por orde de puntuación, ata esgotar o orzamento, e serán abonadas nun pago único polo importe que corresponda.
Serán subvencionables as situacións de redución da xornada de traballo para o coidado de fillos no período comprendido entre o 1 de agosto de 2025 e o 31 de xullo de 2026, ambos os incluídos.
Poderá ser beneficiario, no caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas de distinto sexo, o proxenitor de sexo masculino, "tendo en conta que o obxectivo do programa é o cambio de tendencia cara á corresponsabilidade real e que, por tanto, sexan tamén os homes os que se acollan á redución da xornada".
No caso de unidades familiares en que a parella estea formada por persoas do mesmo sexo, poderá ser beneficiaria calquera das persoas proxenitoras.
No caso de unidades familiares monoparentais, a persoa ao cargo da unidade familiar. Mentres, se hai custodia compartida, poderán optar calquera das persoas proxenitoras. E tamén poderán recibilas os homes ou as mulleres que afrontan a paternidade ou a maternidade en solitario, as familias formadas por unha ou un cónxuxe viúvo e os fillos e as familias formadas por un pai ou nai que queda a cargo dos fillos, sen que haxa custodia compartida.
En todo caso, nunha unidade familiar só poderá haber unha persoa beneficiaria destas axudas. Por iso, no caso de custodia compartida en que as dúas persoas proxenitoras soliciten a axuda, só poderá ser beneficiaria a que percibise menores ingresos, segundo a declaración do IRPF do exercicio 2025.
A redución de xornada, que terá que ser polo menos do 12,5% da xornada, debe ser para o coidado dun fillo menor de tres anos ou menor de 12 anos no caso de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33%.
Os ingresos da unidade familiar non poderán ser superiores a 7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2025.
Oito meses, segundo redución e fillos
O período máximo subvencionable, continuado ou fraccionado, será de oito meses comprendidos entre o 1 de agosto de 2025 e o 31 de xullo de 2026.
A contía das axudas determinarase en función de dúas variables: a porcentaxe de redución de xornada laboral e a súa duración, e o número de fillos a cargo.
Deste xeito, establécense varios custos unitarios para o caso de que a duración total da situación de redución de xornada se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses).
Cando a redución de xornada sexa de entre o 12,5% e ata o 25% dunha xornada laboral a tempo completo, cun fillo a cargo serán 1.700 euros; con dous, 2.000 euros; con tres, 2.300 euros.
Cando sexa superior ao 25% e ata o 37,5%, cun fillo serán 2.800 euros; con dous, 3.100 euros; con tres, 3.400 euros. Para rematar, cando a redución de xornada sexa superior ao 37,5%, cun fillo serán 3.100 euros; con dous, 3.400 euros e con tres, 3.700 euros.