Publicador de contidos

Publicador de contidos

A traballadora asasinada no Porriño queixárase de acoso sexual no domicilio o día antes de morrer

A traballadora asasinada no Porriño queixárase de acoso sexual no domicilio o día antes de morrer

A vítima pediu consello ao seu sindicato para renunciar ao servizo, pero a empresa instouna a acudir igualmente, segundo a CIG

A CIG critica a precariedade e a falta de resposta ante as advertencias das traballadoras

Un ancián mata unha traballadora social que coidaba a súa muller nunha casa do Porriño

G24.gal 29/07/2025 22:24 Última actualización 30/07/2025 08:14

A traballadora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) do Porriño que morreu este martes de forma violenta comunicara unha situación de acoso ocorrida o día anterior na mesma vivenda onde se produciron os feitos.

Segundo informou a CIG, a muller contactou co sindicato na mañá do martes para relatar que sufrira un acoso o luns mentres traballaba no domicilio. Manifestou tamén a súa vontade de renunciar a ese servizo e pediu asesoramento sobre como formalizar o trámite.

De acordo co relato da vítima, xa lle comunicara á empresa o sucedido, pero a compañía instouna a acudir igualmente á vivenda na xornada do martes. O sindicato indicoulle que debía falar coa delegada sindical, pero a traballadora non chegou a contactar con ela, xa que os feitos aconteceron pouco despois.

Confirmación por parte da empresa

Tras a morte da muller, foi a propia empresa quen contactou coa CIG para recoñecer que a traballadora lles comentara que sufrira un acoso sexual o luns na vivenda onde posteriormente morreu, segundo confirmou o sindicato.

Desde a CIG criticaron a falta de resposta institucional e empresarial ante as advertencias das traballadoras. "Xa é hora de que as denuncias e as palabras das mulleres sirvan para algo", manifestaron, denunciando a precariedade das condicións laborais no sector e advertindo de que, en ocasións, cando unha empregada renuncia a un servizo, "mandan outra muller sen dicirlle o que lle pasou á súa compañeira".

Sen constancia de denuncias previas

Este martes gardouse un minuto de silencio ante o Concello do Porriño, que decretou dous días de loito, e nel participou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, quen afirmou non ter constancia de "ningún tipo de denuncia previa" por parte da vítima.

A conselleira condenou o asasinato e trasladou as súas condolencias á familia.

García asegurou que o seu departamento puxo "todos os mecanismos sociais e psicolóxicos" ao dispor da familia da vítima e da muller á que esta atendía na casa, que ingresa nun centro residencial de 24 horas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade